Decreto para acabar cos pleitos das renovables
A guerra das renovables contra os sucesivos gobernos remóntase ao ano 2013. Daquela, o executivo de Rajoy eliminou o sistema das primas implantado 6 anos antes para promover as enerxías limpas. Substituíase o pago por megawat por unha compensación anual sobre o investimento en cada planta. As empresas sentíronse enganadas polo cambio de regras a metade do partido: cara elas vai o trato que este venres lles propón o goberno.
Teresa Ribera, ministra para a Transición Ecolóxica en funcións, di que se trata de "recuperar a confianza daqueles que se sentiron traizoados cando en 2013 cambiaron as premisas de rendibilidade, de retribución"
En esencia, o ministerio ofrécelles dúas tarifas: a máis alta estará 12 anos en vigor, pero só se as empresas renuncian a pleitear co estado. A outra é máis baixa e revisarase dentro de 6 anos. Ata hoxe, 45 empresas demandaron ao goberno por un montante de 10.000 millóns de euros. De momento, xa se emitiron 12 laudos: o estado só gañou dous e tivo que pagar 821 millóns en indemnizacións.