CRTVG

Buscar

Decretan prisión provisional para unha muller por incumprir o confinamento e agredir un axente en Sada

Publicado o 27/03/2020 18:56
Decretan prisión provisional para unha muller por incumprir o confinamento e agredir un axente en Sada

O Xulgado de Instrución número 4 de Betanzos, en funcións de garda, decretou a prisión provisional, comunicada e sen fianza, dunha muller investigada por incumprir o confinamento derivado do estado de alarma en varias ocasións, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).  Ademais, a muller protagonizou este xoves un incidente con efectivos da Garda Civil de Sada, durante o cal, presuntamente, lle causou a un deles "importantes lesións". A xuíza tomou esta medida, segundo especifica no auto, "dada a gravidade dos delitos apuntados e o claro perigo de reiteración delituosa".   

Condenan a 100 días de cárcere un veciño de Vilagarcía por incumprir o confinamento varias veces

Un veciño de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra) de 47 anos foi condenado a cen días de cárcere por un delito de desobediencia ao incumprir de forma reiterada a orde de confinamento que existe en todo o territorio español desde a madrugada do 15 de marzo, cando foi declarado o estado de alarma para combater a pandemia de coronavirus.  

Nunha sentenza emitida este venres 27 de marzo tras a celebración dun xuízo rápido, o Xulgado de Instrución número 3 de Vilagarcía de Arousa impuxo a sanción de cen días de prisión para un home que foi interceptado na tarde do xoves mentres saía da súa casa sen motivo aparente.  Con todo, a xuíza ordenou a suspensión da pena por un período de tres anos, polo que o condenado, que mostrou conformidade e non presentará recurso, non deberá ingresar no cárcere se non delinque durante ese tempo.   

O home foi interceptado ás 18:30 horas do xoves pasado no portal do seu edificio por axentes da Policía Nacional, que formularon unha denuncia administrativa por incumprimento da orde de confinamento. A do xoves converteuse na cuarta vez que este veciño de Vilagarcía de 47 anos era proposto para sanción polo mesmo motivo desde a declaración do estado de alarma. Na súa sentenza, a titular do Xulgado de Instrución número 3 de Vilagarcía manifesta que o condenado actuou "a propósito da vixencia do estado de alarma no territorio nacional, con absoluto menosprezo á limitación da liberdade de circulación que fora imposta e sen causa justificada".