CRTVG

Buscar

Decretan o peche de parte dos centros ocupacionais e de día que ten Aspronaga en Oleiros

Publicado o 11/03/2020 15:16

• Sanidade mantén baixo vixilancia os 215 usuarios e o medio centenar de traballadores do complexo | Hai 39 contaxiados

É un peche preventivo, durante os próximos 14 días. Afecta só os centros ocupacional e de día. Seguen funcionando con normalidade as residencias da Asociación pro Persoas con Discapacidade Intelectual de Galicia e Fornos Lamastelle, situados tamén en Oleiros.

O peche dos centros ocupacional e de día que ten Aspronaga en Oleiros afecta uns 200 usuarios e medio cento de traballadores, aos que Sanidade fará un seguimento sen illalos, para actuar se nalgún momento presentan síntomas. Paralizaban a actividade, despois de confirmarse o positivo dunha das usuarias. 

Ildefonso de la Campa, director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade: "Por un período limitado, e sometido despois a unha avaliación para ver se se continúa coa medida ou xa se poden incorporar os usuarios ao centro. De xeito xeral tamén se vai facer unha desinfección das instalacións como medida preventiva".

O mesmo protocolo que se activou no centro cívico de Feáns, principal foco de contaxio en Galicia.

Tamén se fai seguimento por un positivo na Escola Oficial de Idiomas na Coruña.

Esta área sanitaria concentra a maior parte dos pacientes. Unha vintena dos 39 que rexistra o Ministerio de Sanidade. As mostras enviadas a Madrid vanse confirmando e hai positivos declarados xa nas catro provincias galegas.

Nas últimas horas, o Goberno poñía en marcha medidas novas para combater o coronavirus. Entre elas, limitar as visitas a hospitais e residencias de maiores a unha persoa por cada ingresado. E suspender os actos cun aforo para más de mil persoas.

Noticias web

11/03/2020

Máis sobre actualidade