Un rebrote obriga a pechar a vida pública dun distrito alemán
En Alemaña confinaron máis de 360.000 persoas por mor do rebrote do coronavirus no matadoiro de carne.Ese foco de contaxio suma xa máis de 1.500 infectados, o que levou as autoridades a tomar a decisión no epicentro do rebrote. O peche vaise prolongar ata polo menos o vindeiro 30 de xuño. É a primeira vez que unha rexión volve ás restricións despois de que Alamaña comezara a desescalada.
As autoridades do estado federado alemán de Renania do Norte-Westfalia ordenaron o peche parcial da vida pública por unha semana para o distrito da cidade de Gütersloh, onde se rexistrou un rebrote de coronavirus con 1.553 casos confirmados relacionados cun matadoiro.
Nunha conferencia de prensa, o xefe do Goberno rexional, Armin Laschet, anunciou esta medida, da que dixo que "desde o punto de vista das cifras", en principio, sería innecesaria, xa que máis aló do rebrote na empresa cárnica Tönnies, o número de contaxiados no distrito afectado é de 24.
"Iso permitiríanos dicir que o foco está localizado, pero imos dar un paso máis e ordenar o peche da vida pública para o distrito de Gütersloh", co obxectivo de "acougar" e "obter claridade" sobre a situación xeral.
A idea é poder determinar nesta semana coa realización de test masivos ata que punto se pode estender o coronavirus entre a poboación, precisou.
Parte dos afectados son traballadores procedentes de Romanía e Bulgaria, aos que Laschet garantiu unha "atención coidadosa", atendendo ás dificultades que supoñen a súa situación de corentena, lonxe das súas familias.
Agregou que se trata do primeiro distrito afectado pola reintrodución de medidas restritivas desde que estas comezaron a levantase gradualmente en Alemaña ao longo do mes de maio, o que supón un regreso á situación de varias semanas atrás.
Dixo que é consciente da "enorme carga" que supón para a poboación a reintrodución de restricións.
"Sabemos que no distrito o número de contaxios non aumentou e, aínda así, esiximos da xente que acepte o peche da vida pública", dixo, e asegurou que se trata dunha "medida temporal" e " profiláctica" que estará vixente unha semana e poderá levantarse se a situación o permite.
Con todo, advertiu, as medidas restritivas tamén poderán prolongarse se se considera necesario.
Agregou que aí onde as cifras aumentan e existe unha ameaza, hai que actuar con decisión e regresar ás medidas introducidas en marzo para conter a pandemia, á vez que subliñou a necesidade de facer o posible para que este rebrote non se estenda máis alá do distrito afectado.