CRTVG

Buscar

Declárase inocente o acusado de secuestrar e violar unha muller durante 20 días

Publicado o 17/10/2019 09:04

Moita tensión e protección policial na primeira xornada do xuízo que senta no banco dos acusados seis persoas da mesma familia, do coñecido policialmente como clan dos Madriles. A fiscalía pide 19 anos de cárcere para o home de 40 anos, que segundo o fiscal retivo unha muller na súa casa en contra da súa vontade durante 20 días. Presuntamente violouna de xeito continuado, golpeouna e someteuna con violencia e intimidación a un trato que o fiscal cualifica de degradante, con continuas vexacións e humillacións. Está acusado de agresión sexual continuada, detención ilegal, coaccións e lesións.

Na súa declaración perante o xurado o principal acusado, Javier Gabarri, negou que levara a muller en contra da súa vontade e que a retivera. Declarouse inocente e dixo que as relacións sexuais foran consentidas. O que si recoñeceu foi que mallaba nela baixo os efectos da drogas e o alcol e que ela tamén o golpeara. Tamén asegurou que a súa familia nada tiña que ver.

Ademais del tamén declararon a súa nai, o pai e tres irmáns. Foi nun momento da declaración da nai cando ela recoñeceu que lle daba comida ás agochadas á vítima, cando se viviu o momento de maior tensión na sala.

Os cinco familiares están acusados de ser cómplices da retención da moza e piden para cada un deles tres anos de prisión. Eles negaron que a moza estivera retida. Tamén houbo un enfrontamento e cruzamentos de ameazas entre o principal acusado e un irmán, cando dixo que el maltrataba os seus pais.

Na vista de hoxe e protexida por un biombo, despois declarou a vítima. Dixo que só a primeira vez mantivera relacións sexuais consentidas co acusado e que despois quedaran de novo, e foi cando asegura que a drogou tras pasar a noite nun hotel, levouna á súa casa onde empezaron as malleiras e as violacións continuadas. Asegura que a obrigaba a tomar drogas e alcol, que lle cortara o pelo, bañáraa en auga fría e que a obrigaba a comer o seu propio vómito.

A muller dixo que toda a familia participara e que a tiñan vixiada por orde de Javier, asegurou que estaba viva de milagre. Despois de 20 días, finalmente os pais do acusado entregárona na comisaría da policía o 26 de xaneiro do ano pasado, cando puxo a denuncia. A vista continuará mañá coa declaración de máis testemuñas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/10/2019