CRTVG

Buscar

As treboadas deixan incendios, asolagamentos e sarabiadas en toda Galicia

Publicado o 18/09/2020 07:57

• Rexistráronse máis de 4.400 raios, que provocaron lumes en Ons, Sanxenxo, Cangas e Santiago | Carballo acumulou 42 litros por metro cadrado

Tarde e noite de tronos, lóstregos e mantos de auga que provocaron numerosas incidencias. A máis grave, en Vilagarcía, onde un home resultou ferido grave tras caerlle enriba unha lousa dun edificio. Pero ademais, houbo un incendio en Ons ocasionado por un dos milleiros de raios que caeron e riadas en numerosos puntos.

A piques de entrar no outono, Galicia enfróntase dende este xoves a un aviso amarelo por fortes choivas e treboadas. As primeiras consecuencias vémolas no grande incendio causado por un raio na illa de Ons. O lume comezou na zona de Punta Fedorentos, nos arredores do Buraco do Inferno. Os primeiros en actuar na zona foron os vixilantes do parque nacional. Esta medianoite quedou estabilizado.

O lume foi detectado ás 16:56 horas, segundo a Consellería do Medio Rural, e dous axentes e catro brigadas con axuda dun camión motobomba acudiron á zona para tentar controlalo. As primeiras estimacións falan de catro hectáreas queimadas. 

Outro raio causaba un incendio en Liméns, na costa de Cangas. Os raios tamén ocasionaron outro conato de incendio en Sanxenxo, na parroquia de Dorrón, que se atallou de inmediato.

Un raio é a causa máis probable dun incendio rexistrado no Monte Pedroso, en Santiago. Fontes de Medio Rural indicaron que este lume, xa extinguido, afectou a 0,06 hectáreas de monte arborado.

A media tarde caeran en toda a comunidade máis de 4.400 raios, entre a terra e a zona de mar.

A poucos quilómetros, en Marín, a treboada deixou rúas totalmente asolagadas

Alberto Romero, meteorólogo de Meteogalicia: "O que temos é un centro de baixas presións ao oeste de Portugal e ao oeste de Galicia. Temos inestabilidade atmosférica, temos aire frío en altura e aire quente en superficie. Por tanto, temos ingredientes máis que perfectos para esas treboadas. Os ceos estarán parcialmente nubrados, con choivas localmente intensas, que poden caer en calquera punto do territorio galego, por iso temos ese aviso amarelo por treboadas".

En moitos concellos do interior, como en Arzúa, oíronse as treboadas durante toda a tarde. A situación seguirá igual este venres, sobre todo nas provincias da Coruña e Lugo e no interior da de Pontevedra.

A treboada non vai durar sempre, pero vaian afacéndose á idea de que a chuvia chegou para quedar. Agardamos auga para a fin de semana e tamén unha importante caída das temperaturas.