CRTVG

Buscar

Declaran Ben de Interese Cultural o parque do Pasatempo de Betanzos

Publicado o 07/02/2020 16:22

Tristes ante o abandono do parque do Pasatempo, un grupo de amigos comezou hai tres anos a limpalo para chamar a atención sobre a ruína en que se convertera un dos maiores puntos de interese de Betanzos. A maioría eran mulleres, moitas de fóra da vila e mesmo doutros puntos de Galicia e de España, que crearon daquela a Asociación Amigas do Pasatempo. Entroutras accións, volveron impulsar co Concello a declaración de BIC que a Xunta acaba de conceder.

"Estou emocionada porque non pensabamos en conseguir que fora BIC, era unha cousa que levaba 40 anos esperando, e para nós isto é un logro moi importante. Supón un éxito do pobo, da xente que veu limpar, concentracións, etc... ao longo dos anos, da xente que quere o Pasatempo", di Elena Couto, vicepresidenta da Asociación Amigas do Pasatempo.

Hai ano e medio que o Concello se vira obrigado a pechalo ao público por seguridade, despois de varias derrubas. O que fora reclamo turístico e didáctico de primeiro nivel para os visitantes, morreu aínda un pouco máis adoecendo unha falta de mantemento crítica tras a polémica restauración dos anos 90 que o deixou reducido á décima parte do que deseñaran os irmáns García Naveira hai máis de cen anos.

As Amigas do Pasatempo agardan que a declaración de Ben de Interese Cultural dote o parque de medios para que non se volva ver abandonado. Antes haberá que agardar unha restauración de polo menos 5 anos para recuperar o seu antigo esplendor e un oco de novo no orgullo e no corazón dos betanceiros.

Noticias web

07/02/2020