CRTVG

Buscar

Deberían pedir carné para conducir patinete?

Publicado o 07/10/2019 20:18

Cada vez máis xente usa o patinete eléctrico para desprazarse polas cidades. Ás veces vémolos polas beirarrúas, outras veces pola calzada. As normas de uso tenas que fixar cada concello, e iso fai que poidan ser distintas dunha cidade a outra.

Quizais por iso hai moita confusión sobre como circular co patinete. Os empresarios de autoescolas cren que debería haber unha formación específica para os que queiran usar este vehículo. 

Xaquín García Couso, presidente da Sociedade de Empresarios de Autoescolas: "Persoalmente, creo que si, pero primeiro tense que crear a normativa para que nós poidamos darlle o ensino aplicando a normativa vixente. Se non temos normativa dificilmente podemos ensinar".

A DXT está elaborando unha normativa para o uso do patinete. E polo que se sabe dela, non inclúe a necesidade de sacar ningún carné especial. Prohibirá circular por vías interurbanas. Fixará unha velocidade máxima de 25 km a hora e obrigará a circular sempre pola calzada deixando a beirarrúa para os peóns.

Moitos sectores ven aquí un perigo e reclaman un carril específico para os patinetes.

Xaquín García Couso, presidente da Sociedade de Empresarios de Autoescolas: "O que temos que prever é que haxa un sitio para usalos que non sexa compartido con camións, autobuses, turismos etc".

Tampouco se prevé que sexa obrigatorio facer un seguro. Pero dende as autoescolas recomendan que se faga sempre que se poida. De feito, algúns seguros do fogar xa inclúen esta cobertura.

Noticias web

07/10/2019