CRTVG

Buscar

Debate polo prezo das máscaras tras aprobarse a petición ao Goberno dunha redución do IVE

Publicado o 01/07/2020 15:16

O IVE das máscaras está a ser obxecto de debate estes días. O Congreso aprobou pedirlle ao Goberno que o reduza do actual 21 por cento ao 4, unha rebaixa moi agardada polos cidadáns.

É un material de uso obrigatorio durante a pandemia polo coronavirus e que chegou para quedar, pero o seu custo supón un desembolso que non todo o mundo pode permitirse. Dende os colexios de farmacéuticos levan tempo pedindo unha regulación do prezo das máscaras e que se reduza ou elimine o IVE.

"É un produto de primeira necesidade, temos que garantir que todo o mundo teña acceso e estes produtos. Toda medida que favoreza que a poboación teña acceso parécenos fenomenal", di Paula Briones, farmacéutica.

O Congreso aproubou pedirlle ao Goberno que reduza o IVE de máscaras, luvas e os xeles hidroalcólicos do 21 ao 4%.  PSOE e Unidas Podemos votaron contra esta medida que apoiaron o resto dos grupos políticos. Unha rebaixa do IVE moi agardada polo consumidores.

Entre os distintos tipos de máscaras, a raíña segue sendo a cirúrxica. 

A protección é un dos maiores quebradeiros de cabeza para os cidadáns, que piden que a prevención fronte á pandemia estea ao alcance de todos.  

 

 

Noticias web

01/07/2020