CRTVG

Buscar

Os posibles pactos e Cataluña centran o único debate entre os cinco candidatos

Publicado o 05/11/2019 16:09

A Academia de Televisión organiza un debate entre cinco candidatos, o único desta campaña electoral, que enfronta os líderes do PSOE, Pedro Sánchez, do PP, Pablo Casado, de Unidas Podemos, Pablo Iglesias, de Ciudadanos, Albert Rivera, e de Vox, Santiago Abascal. O inicio e peche de cada un dos cinco bloques temáticos e a colocación dos candidatos no estudio acordouse por sorteo.

MINUTO FINAL

· Santiago Abascal. Aproveita o minuto final para propoñer ilegalizar os partidos secesionistas, unha rebaixa fiscal, medidas para reducir a inmigración ilegal, "transformar" as autonomías, recuperando sanidade e educación para o Estado para poder pagar as pensións, e defender a liberdade fronte a "ditadura progre". Termina cun "boas noites e viva España".

· Albert Rivera fai un discurso que comeza cun "Claro que se pode" e interpela os cidadáns que loitan contra as adversidades, en diferentes circunstancias. E pídelles o voto así: "Se es liberal, vota liberal, se es de centro, vota centro. Vota con ganas, coa cabeza e co corazón. Vota Ciudadanos".

· Pedro Sánchez: "Imos votar porque non era certo que non había un pacto cos independentistas nin coa dereita, como din Casado e Iglesias. O PSOE non vai comprometer a unidade de España. O PSOE defende a cohesión social e terriotorial. Non hai nada máis forte que a verdade, queremos un goberno forte e estable".

· Pablo Casado: "Quero liderar un goberno non lle trema o pulso cos independentistas ou ante a crise económica. Que impulse a xente nova cun emprego de calidade. Quero ser o presidente para desbloquear a situación co espírito de España Suma. Só PP pode gañarlle ao PSOE e gobernar. Unamos os nosos votos"

· Pablo Iglesias cre que a xente está farta dos minutos de ouro, así que lle dá a voz a unha moza de 28 anos que traballa "de algo diferente ao que estudou", que quere emanciparse, que é discapacitada, e que vive en Valencia. "Pode haber un goberno que defenda a xente. Si se pode", conclúe o líder de Unidas Podemos e termina o debate. 

BLOQUE 5: POLÍTICA INTERNACIONAL

• Abascal cre que unha nación sen fronteiras deixa de ser unha nación. "O que queira entrar na nosa casa, ten que pedir permiso, e se entra ilegalmente, sairá", asegura o líder de Vox. "Fronte ao 'globalismo', nós defendemos os nosos traballadores". 

• "España é un gran país pero o goberno debe estar á altura del", asevera Albert Rivera. "O Goberno non pinta nada na política de Latinoamérica". "Hai que ser valentes cos ditadores vivos", dille a Sánchez, en referencia sen citalo ao presidente de Venezuela, Nicolás Maduro.

• Sánchez saca peito polo cumio do clima que se celebrará en España e polo papel de Borrell en Europa. O candidato socialista considera que a política migratoria do Goberno se fixo dialogando cos países de orixe, dotando de máis medios e rescatando seres humanos.

• Casado critica a política do Goberno con Venezuela, Cuba ou Nicaragua. Pero tamén ante os aranceis dos Estados Unidos. O líder do PP propón subas e equiparacións salarias coas forzas e corpos de seguridade do Estado, e pregunta pola Política Agraria Común. 

• Iglesias cita varios casos de "portas xiratorias", "corrupción legal" de PP e PSOE. Defende que hai que poñer límites ás multinacionais, "seguridade fronte as inseguridades da guerra comercial". "Soberanía non é ter unha bandeira grande, deféndese con medidas do goberno".

• Rivera critica o "proteccionismo" de Unidas Podemos e de Vox. O líder de Ciudadanos prefire acordos de libre comercio, para que as empresas españolas vendan mellor. 

• "Bruxelas non representa a Europa", retruca Abascal. "As elites de Bruxelas quere que aceptemos a inmigración masiva, queren levarnos á islamización; converteron Europa nunha seita en que se persegue a quen quere saír", engade. "O multilateralismo levounos á indefensión".

• Sánchez ten "envexa" dos líderes de Francia e Alemaña que illan "a extrema dereita". O líder socialista di que se compromete a traer a Puigdemont a España para que responda ante a xustiza.

• "A peor vaga de inmigración" foi durante gobernos socialistas, retruca Casado. O candidato popular repasa outras medidas sociais do seu programa.

• Iglesias critica a Sánchez polas súas palabras sobre Puigdemont: "Eu creo na separación de poderes". O líder de Unidas Podemos insiste en que as multinacionais deben pagar os impostos en España. Iglesias volve pedirlle a Sánchez que non lles tenda a man "á dereita". "Unha investidura pactada co señor Casado non lle vai saír gratis".

• Sánchez e Casado reiteran que non van pactar entre eles. A continuación, o candidato socialista aborda a política europea: propón un salario mínimo, unha estratexia contra a violencia de xénero e de transición ecolóxica común.

• Abascal cre que o castelán está "perseguido" en zonas de España e que hai que mirar cara a Latinoamérica. "Se hai inmigración, que sexa de nacións irmás". O candidato de Vox cre que hai unha "ofensiva bolivariana" e que Sánchez vai enviar o Rei a Cuba.

• Iglesias lamenta as dificultades para votar que hai no estranxeiro e avoga por acabar co voto rogado e insiste en que os demais aclaren con quen van pactar.

• Rivera volve pedirlle a Sánchez que apoie unha transición democrática en Venezuela. "Estar en Europa tamén é bo para defender a unidade de España e con socios adecuados", e saca unha foto de Salvini cunha bandeira republicana catalá. Abascal retruca cun chío de resposta do ex-ministro italiano do Interior.

• Casado completa o seu tempo con novas medidas contra os desaloxo, a favor industria do motor ou das industrias electrointensivas.

• Sánchez aclara a visita do Rei a Cuba, e fala do vínculo co "pobo cubano" non co "Goberno cubano". 

BLOQUE 4: CALIDADE DEMOCRÁTICA

• Pablo Casado non aclara se apoiará que goberne a lista máis votada. O líder do PP di que Sánchez leva tres anos bloqueando a formación do goberno, e repróchalle os seus pactos cos separatistas e nacionalistas (e cita o caso de Galicia tamén) e as sancións da Xunta Electoral por usar a Moncloa con fins electoralistas. "Vostede é o perigo para a democracia", conclúe.

• Iglesias recorda que a Constitución institúe que o Goberno os elixen os deputados. "Nós gobernamos en seis comunidades co PSOE", recorda. "Hai que ser decente e dicir con quen quere gobernar: C's e Vox están dispostos a pactar co señor Casado". "Ao PSOE só lle queda dicir se vai pactar connosco ou pactar co PP". 

• Sánchez insiste na idea de que goberne a lista máis votada. E rexeita as acusacións de pactos ocultos. "O plan do PSOE é ter un goberno progresista, coherente e estable", di. "O resto das forzas o que queren é frear iso". Sánchez non contesta a Casado cando lle pregunta se vai beneficiar dos votos dos independentistas. "Se estamos nunha repetición electoral" é porque PP e C's non se abstiveron, retruca o candidato do PSOE.

• O líder de Ciudadanos propón unha nova electoral, listaxes abertas e cun mínimo do 3%. Rivera di que o seu partido suprimiu "chiringuitos políticos fantasmas" en Andalucía, aforamentos noutras comunidades autónomas... Tamén lle pide a Sánchez que diga se sabe algo da sentenza dos ERE, e se é condenatoria se vai dimitir. O presidente non responde e critica a proposta de reforma da lei electoral de C's.

• Tras a exhumación de Franco, Sánchez anuncia que levará ao Código Penal a apoloxía do fascismo ou do tolitarismo e que disolverá a Fundación Francisco Franco. 

• Abascal afirma que Sánchez non trae a concordia a España. O líder de Vox di que coa súa proposta o candidato socialista vai acabar ilegalizando ao señor Iglesias. "Vostede quere que os netos volvan enfrontarse". 

• Iglesias, "sorprendido" con que Sánchez vexa a Nadia Calviño vicepresidenta e que culpe da repetición electoral a PP e C's. Diso deduce que Sánchez prefire os partidos da dereita. "Non chega ilegalizar a Fundación Francisco Franco, senón política social", engade. "Rectifique". 

• "Son o único que se xogou a vida no País Vasco e ameazado coa ETA, mentres vostede estaba nunha herriko taberna, señor Iglesias", responde Abascal. "A nosa candidata en Barcelona, Rosa Lluch, é filla dun asasinado pola ETA. Hai moitas vítimas que non presumen nin dando leccións", contéstalle Iglesias. 

• "Eu só vexo odios e bandos", afirma Albert Rivera. Os españois non están pensando "no século pasado", engade. "Gústalles a división porque así non falan do futuro". Rivera pregúntalle a Sánchez se vai ilegalizar partidos secesionistas.

• "Sánchez sabía que a sentenza do procés e da exhumación de Franco ía coincidir coa campaña electoral", revela Casado. O líder do PP volve preguntar se vai pactar con Torra e con Junqueras o presidente do Goberno. "Eu non vou pactar con vostede", asegura Casado.

• Sánchez mantén que non vai haber gran coalición co PP e que Iglesias falta á verdade. O candidato socialista repróchalle a Casado os casos de corrupción do Partido Popular. 

• Abascal di que Vox trae os debates que os demais partidos querían ter pechados: inmigración, autonomías, violencia de xénero...

• Sánchez fala do PP e C's como "dereita covarde".

BLOQUE 3: IGUALDADE

• Rivera propón unha mesma selectividade, un só sistema educativo e unha educación que non adoutrine. O líder de Ciudadanos ten como prioridade crear un país onde a xente viva máis tranquila.

"Hai que darlle a volta aos datos do paro", di Rivera. E critica os contratos-lixo. Tamén propón máis apoio aos autónomos.

• Casado repróchalle a Rivera que "compare o PP co PSOE" en materia económica. "Sánchez votou a conxelación das pensións", asegura. O PP, pola contra, garante o futuro das pensións e que continúen subindo. "O sistema público crébao o socialismo, e garánteo o PP", conclúe.

• Pablo Iglesias e Pablo Casado enceréllanse sobre o consentimento e o código penal a raíz de casos como o da Manada de Manresa.

"O PP recuperou o delito de violación" que o PSOE quitou do Código Penal, dille o líder do PP ao de Unidas Podemos.

• Sánchez recorda que o seu goberno é o que máis mulleres ten do mundo. E tamén carga contra  as políticas do PP no pasado. Propón un plan contra a pobreza infantil, derrogar a lei mordaza e regular a eutanasia e a morte digna.

• Abascal asegura que o Goberno tivo como prioridade "desenterrar un morto" cos problemas sociais existentes. As leis contra a violencia de xénero, di, non reduciron o número de vítimas.

• Sánchez fai referencia ás medidas de "ultradeireita" propostas por Vox e pídelles a Casado e Rivera que se pronuncien sobre elas. PP e C's retrucan coas "trampas" do Goberno socialista en Andalucía. Casado di que Sánchez "comprou votos" alí e ocultou datos das listas de espera. Rivera volve criticar os pactos do PSC cos independentistas en Cataluña.

• Iglesias cre que é unha falta de respecto que no bloque de política social se fale de Cataluña en ton crispado. Propón dentista gratis, educación de 0-3 anos gratuíta, e universidade tamén de balde.

• Abascal di que Sánchez é defensor dos movementos nacionalistas, "os inimigos declarados de España". Política social, para o líder de Vox, tamén é seguridade, inmigración ilegal e problemas de convivencia.

"Houbo máis de 100 manadas en España e o 70% dos imputados son estranxeiros", conclúe.

• O Goberno -di Sánchez- aumentou o salario das forzas de seguridade e reduciu a inmigración cunha política "humanista". O líder do PSOE quere que saian ao mercado máis de 20.000 vivendas baleiras, e un parque público. Tamén propón axudas á emancipación. 

• Tras reprocharlle Sánchez a Iglesias que non quixese o Ministerio de Vivenda, o líder de UP recorda que non incluía competencias. "A nós non se nos compra con cadeiras; nós queremos competencias", respondeu Iglesias.

• O líder de Vox opina que se atende antes "aos de fóra" e que non se están tomando medidas contra a inmigración. "A política social, en primeiro lugar para os españois", conclúe.

• Casado di que a lei do PP reduciu o fracaso escolar e aumentou as bolsas e agora propón un cheque para a FP Dual. 

• Rivera propón desgravacións do 60% para quen viva nunha localidade pequena e alerta do problema da despoboamento. 

• Abascal quere que Sánchez garanta que os violadores non saian de prisión. "Os españois non son iguais dependendo do lugar onde vivan", por culpa do estado das autonomías, reitera.

BLOQUE 2: ECONOMÍA

• Pablo Iglesias empeza: "Cando hai unha crise hai que decidir se os recortes se fan por abaixo ou por arriba", di Iglesias. "Nós propoñemos facer os recortes por arriba". E propón recuperar os cartos que o Estado lle prestou á banca, facer un salario mínimo de 1.200 euros, actualizar as pensións con respecto ao IPC ou crear unha empresa pública de enerxía.

• Pablo Casado repróchalle a Sánchez as políticas económicas do PSOE no pasado. E recorda tamén o problema actual do paro. "Sánchez nega a evidencia como Zapatero, e oculta os efectos da crise para gañar unhas eleccións", engade o líder do Partido Popular. 

• Rivera fala dos problemas de natalidade en España. "Non é que os españois non queiran ter fillos; é que non poden". "Eu quero ser presidente das familias e propoño unha lei". "As parellas con dous fillos serán familias numerosas; tamén as monoparentais". Tamén axudas económicas ás familias.

• Abascal, de Vox, critica o gasto de estado das autonomías e o "espolio" fiscal ás clases medias. Abascal recorda o encontro entre González e Rajoy na Toxa, e os seus comentarios sobre o rescate ás comunidades autónomas. "Ou autonomías ou pensións teremos que decidir", conclúe.

• Sánchez recorda as guerras comerciais ou a ameaza do 'brexit'. O líder do PSOE presume dos datos do paro. "Disciplina fiscal e rigor", receita. Sánchez promete facer a Nadia Calviño vicepresidenta económica.

• "Non queremos que se repita o que pasou con Zapatero", retruca Pablo Casado. "Non pode propoñer vostede máis impostos" e cifra en 1.000 euros por español o que lle custaría esa suba. Pola contra, os españois pagarían en impostos 800 euros menos se goberna o PP. 

• Iglesias propón actualizar as pensións co IPC por lei e elevar as pensións mínimas e non contributivas aos 800 euros. "O que espolia realmente o noso país é a fraude fiscal", engade o líder de Unidas Podemos. Propón baixar o IVE dos produtos de primeira necesidade.

• Albert Rivera cre que subir os impostos é un erro. E propón un IRPF novo, a supresión do imposto de sucesións para toda España. "A verdadeira revolución fiscal en España sería suprimir o 'Índice de Corrupción do Bipartidismo; propoño un goberno que non roube", dilles a PP e PSOE.

• Pablo Casado di que leva un ano á fronte do PP e repróchalle a Rivera os casos de corrupción en Ciudadanos. O líder do PP acusa o Rivera de "enlamar" o debate e recorda a experiencia de xestión do seu partido. 

• Pedro Sánchez asegura que Montoro non cre que se poidan baixar impostos, e asegura que os pensionistas perderon poder adquisitivo co PP. "En 15 meses aprobamos un plan contra a fraude liberal, regulamos as horas extras...", engade. Tamén fala de derrogar a reformar laboral actual.

• Abascal di que os seus contrincantes xa elixiron soster o estado das autonomías e critica as duplicidades entre administracións. Propón que o tipo máximo do IRPF sexa do 30%, afrontando un drástico recorte no estado das autonomías. "Hai que terminar coa sanidade universal para os inmigrantes e hai que garantir as pensións", engade.

• Rivera repróchalle a Abascal que cobrou dun "chiringuito", cobrando 80.000 euros anuais durante catro anos. O líder de Vox di que foi a sede parlamentaria a pedir que se pechase a institución da que cobraba. 

• "Empezamos sacando a sanidade universal aos inmigrantes, e logo será aos traballadores", di Iglesias. O líder de UP reclámalle a Sánchez que desta vez si derrogue a reforma laboral, cousa que non fixo ata o de agora. 

• Sánchez fai referencia ao cambio climático tras reprocharlle a Iglesias que queira estar no Goberno. Tamén di que o seu executivo tomou diferentes medidas ecolóxicas. Tamén fai referencia aos problemas que atravesan as centrais "na Coruña" para dicirlles que "non están sós". 

• "O socialismo acaba cando acabo o diñeiro do contribuínte e o señor Sánchez non sabe xestionar a crise que nega", retrúcalle Pablo Casado.

• Abascal di que "só os ricos poden permitirse" non ter patria.

• Iglesias insiste na unión da esquerda, e Sánchez repróchalle ao líder de Unidas Podemos as súas palabras sobre Amancio Ortega.  

BLOQUE 1: COHESIÓN TERRITORIAL

• Pedro Sánchez cre que a crise en Cataluña é de convivencia e aposta por unha mesa de diálogo e reducir a confrontación. O líder do PSOE di que construirá concordia desde a educación, creando unha materia en valores civís, éticos e constitucionais. Tamén unha reforma audiovisual, para reducir o "sectarismo" de TV3. Ademais, propón un tipificar un novo delito para prohibir referendos de autodeterminación.

• Pablo Casado non entende por que Sánchez non aplicou a lei de seguridade nacional, e insta o presidente a que faga que Torra cumpra a Constitución. "Fágoo responsable de que o domingo se poida votar en Cataluña", di.

• Albert Rivera mostra unha lastra e pregúntalle se é normal que pedras así voen polas rúas de Barcelona. "Isto representa unha ameaza ao Estado de Dereito". "Cesemos a Torra, que é quen corta as estradas", dille a Sánchez. 

• Abascal ve "indignante" a proposta de Sánchez e tamén se sorprende de que Casado se indigne. O líder de Vox cre que se produciu un "golpe de estado permanente", iniciado no tempo de Pujol. "Isto puxo aos pés dos cabalos" as forzas de seguridade.

• Pablo Iglesias introduce no debate a chamada "España baleirada", e cita os produtores lácteos galegos. Cre que falando só de Cataluña estase faltándolle ao respecto a millóns de cidadáns. Ve os seus contrincantes pelexando por ver quen implanta a medida máis dura.

• Sánchez bótalle en cara a Casado as transferencias do PP e a política dos populares en Cataluña no pasado. O candidato socialista salienta a coordinación cos Mossos, "cousa que non aconteceu co PP". "Proporcionalidade non é sobreactuar nin caer nas provocacións do independentismo". Pídolles lealdade ao Estado.

• Pablo Casado pregúntalle a Sánchez se Cataluña é unha nación. O candidato socialista fala dos estatutos que definen algunhas "nacionalidades" e que tiveron o apoio do PP. "Para Sánchez, Cataluña é unha nación", dille Casado. Pregúntalle tamén os pactos do PSC cos partidos independentistas ou nacionalistas. "Non pode presidir o goberno de España quen non crea na nación española". "Que barbaridade, señor Casado", retrúcalle Sánchez.

• Albert Rivera recorda o seu pasado familiar. "Tarradellas era un demócrata e Torra non", dille a Pablo Iglesias. "Non vou permitir nunca gobernar cos nacionalistas nin construír fronteiras entre compatriotas", continúa. "Levamos 40 anos de cesións do PP e do PSOE e ata aquí chegamos", asegura o líder de Ciudadanos mostrando un documento. "Hai que aplicar a Constitución con serenidade".

• Casado di que Ciudadanos gañou nas eleccións autonómicas Cataluña e que non fixo nada. Tamén o acusa de facerse eco 'fake news' ao referirse ás cesións do PP ás comunidades autónomas. "Non se equivoque de adversario", dille Casado a Rivera. 

• "'España é unha nación de nacións', esa frase díxoa Pedro Sánchez", recorda Iglesias. "España é un país plurinacional e non pasa nada por dicilo". "Vostede e mais eu deberiamos deixar complexos e traballar por unha mesa de diálogo sen exclusións que aposte pola reconciliación". "Con máis agresividade non imos a ningures". "Non busque a dereita como aliada", conclúe.

• Sánchez di que Iglesias defende un referendo de autodeterminación e que en España hai presos políticos, algo que el non comparte. Os líderes de Unidas Podemos cuestionan tamén -di o candidato do PSOE- a actuación das forzas de seguridade. "Unidade e proporcionalidade" é a receita do líder socialista.

• Abascal repróchalle a Sánchez o seu cambio de discurso en función do lugar que visite e a Casado que Feijóo defina a Galicia como unha "nacionalidade" histórica. "O primeiro que fariamos sería a suspensión da autonomía de Cataluña", para -entre outras cousas- tomar o control de TV3". Tamén insta a deter a Torra cunha querela por rebelión da Avogacía do Estado.

• "O PSOE e nós gobernamos en Barcelona", recorda Iglesias. Dille a Abascal que non lle dea leccións. "Impórtame presumir dun país cunha sanidade pública e universal e non ter unha bandeira moi grande" e cita que a Sanidade atende os cidadáns nas linguas do Estado, incluído o galego. En Cataluña, hai que apostar polo diálogo e por "unha proposta que se poida votar", remata.

• O líder de Vox cre que o "estado das autonomías" fracasou e que premiou as comunidades que máis presionaban. Fala tamén de "imposicións lingüísticas" e fala de "escolarizar na lingua común".

• Casado dilles aos cataláns que "non están sós" e que o PP sabe como recuperar a prosperidade. "Hai que finalizar o adoutrinamento na escola e nos medios públicos, e garantir a concordia nas rúas", comenta o líder do PP.

• "Fai falta convivencia e respecto á lei e á Constitución en Cataluña", asegura Rivera. E di que hai que "quitar" a Torra: cesar o presidente da Generalitat e aplicar o artigo 155. 

• "A dereita ten un problema con Cataluña", asegura Sánchez, quen aborda ao final da súa intervención o reto demográfico.

• "Cataluña pode ser unha escusa perfecta para que o PSOE pacte co PP", di Casado.

INTRODUCIÓN

• Comeza unha primeira rolda sobre o bloqueo político con Pablo Iglesias. O líder de Unidas Podemos empeza recordando que se acabou o bipartidismo e que non vai haber maiorías absolutas. "Se as tres dereitas suman, haberá goberno de coalición de dereitas", di. "Os votantes de esquerdas queren que gobernemos xuntos", asegura Iglesias. "Estamos dispostos a un goberno de coalición".

• Albert Rivera, de Ciudadanos, di que os protagonistas do debate son os cidadáns. "Comprométome a nun mes poñer o país en marcha; non hai tempo que perder", asegura. Rivera asegura ademais que está disposto a "botar un cable" desde a oposición no caso de que non resulte vencedor. "Hoxe os protagonistas son os cidadáns", conclúe.

• Santiago Abascal, de Vox, di que o Goberno ten que garantir a limpeza das eleccións xerais en Cataluña. Di que o resto dos partidos comparten as mesmas políticas de inmigración, do "despilfarro económico". Abascal asegura que explicará o proxecto "patriótico" de Vox neste debate.

• Pedro Sánchez, do PSOE, fai un chamamento á participación masiva. "O bloqueo é o principal problema" de España, asegura. "Se non temos un goberno, non se poderán resolver" os problemas dos cidadáns. Sánchez propón que se despois das eleccións non hai un acordo, o resto dos partidos deberán permitir que goberne a lista máis votada.

• Pablo Casado empeza lamentando as escenas de violencia en Cataluña e as vítimas da violencia de xénero. O líder do PP culpa a Sánchez da situación política. "Se están na Moncloa, é porque o apoiaron Torra, Otegi e Junqueras", afirma. "Só hai dúas posibilidades para gañar estas eleccións: unir o voto arredor do PP".

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí