CRTVG

Buscar

Dan negativo os PCR dos 150 xornaleiros de Castro de Rei

Publicado o 13/08/2020 09:46

As 150 probas PCR que se lles fixeron aos temporeiros aloxados en Castro de Rei deron negativo. A empresa para a que traballan estaba pendente deste resultado para poder reanudar a actividade, despois de que onte os invernadoiros de Begonte e Cospeito, onde traballan os xornaleiros permaneceran baleiros.

Nas primeiras probas que se fixeron a todos os traballadores que comparten autobús, vivenda e espazo de traballo dentro dos invernadoiros, seis temporeiros deran positivo, o que obrigou a illar 50 persoas.

En toda a provincia de Lugo hai nestes momentos 84 casos activos de covid-19, 24 deles na Mariña. No resto de Galicia, hai un novo brote na cidade de Ourense. Trátase dunha parella e o seu fillo. En toda a provincia hai un total de 10 gromos e 54 afectados polo virus.

En Vigo, mantéñense estables dez gromos. O máis importante é o de Gondomar, con 7 positivos nunha xuntanza de amigos. Na área sanitaria hai un total de 116 persoas con coronavirus. Pontevedra ten 45 casos de Covid-19 cun brote de 12 persoas afectadas en Caldas. Todos os afectados recupéranse na casa. Santiago ten outros 45 enfermos polo virus.

Noticias web

13/08/2020