CRTVG

Buscar

Fai sete anos do asasinato de Asunta Basterra

Publicado o 21/09/2020 15:11

Hoxe fai sete anos do asasinato de Asunta Basterra, un crime que conmocionou a Galicia pola súa autoría.

Segundo se recolle na autopsia, a tarde do 21 de setembro de 2013 a pequena morreu cando, estando sedada, foi asfixiada.

O cádaver apareceu á madrugada seguinte nesta pista forestal do concello de Teo, a poucos quilómetros dunha das casas da familia. Alfonso Basterra e Rosario Porto, pais da nena, pasaron en poucas horas a ser os principais sospeitosos dos feitos.

A nai foi a primeira detida, o día do velorio da menor. Ao día seguinte, o xuíz instrutor ordenaba a detención do pai. Decretaba para ambos prisión, primeiro imputados por homicidio e máis tarde, por asasinato.

O xuízo oral comezou en setembro de 2015, e conclúe que o crime de Asunta foi un plan premeditado entre os dous e executado de xeito gradual, xa que quedou probado que lle subministraron sedantes durante meses.

Foron condenados a 18 anos declarados coautores dun delito de asasinato con aleivosía e agravante de parentesco.

Os problemas económicos derivados da situación levaron a Rosario Porto a poñer en venda as súas propiedades.

A día de hoxe non conseguiu vender ningunha delas.

Os tres pisos que posúe seguen sen atopar comprador e a casa de Teo, un chalé de 400 metros cadrados rodeado por unha enorme parcela está aberto de par en par, cuberto pola maleza e moitas das súas estancias foron obxecto de actos vandálicos. 

Dende o ano 2013 Rosario Porto e Alfonso Basterra están en prisión.

Ela foi trasladada ao cárcere de Ávila, mentres que o seu exmarido, segue en Teixeiro. Aínda lles quedan 11 anos para completar a condena por asesinar a súa filla.

Os dous trataron xa de conseguir algún permiso para saír uns días de prisión, de momento sen éxito. 

 

Noticias web

21/09/2020