CRTVG

Buscar

Cuarta xornada do xuízo polo coñecido como crime da rozadoira

Publicado o 28/03/2019 14:38

A Fiscalía do Xulgado do Penal número 2 de Lugo pide oito anos de prisión para un veciño de Ourol acusado de fuxir tras un atropelo mortal en Viveiro, cando conducía sen carné e baixo os efectos do alcol. Tanto a acusación particular como a pública solicitan, ademais, o pagamento á familia da falecida dunha indemnización que supera os 200.000 euros.

O pasado 3 de outubro un veciño de Ourol presuntamente atropelou unha muller en Viveiro, que morreu días despois. O condutor, que admite que tiña o o carné retirado, supostamente conducía baixo os efectos do alcol e ademais fuxiu. A mesma noite foi detido e encóntrase en prisión dende o día seguinte aos feitos. Polos delitos de homicidio imprudente, omisión de socorro, condución sen permiso e condución baixo a influencia de bebidas alcólicas, a Fiscalía do Xulgado do Penal número 2 de Lugo pide para o acusado unhas penas que suman oito anos de cadea. Solicita, ademais, o pagamento duns 250.000 euros ao viúvo da falecida e mais aos seus catro fillos, unha cantidade semellante á que reclama a acusación particular.

No xuízo, o acusado declarou que non se decatara do atropelo e que bebera na cea, cando xa estaba na casa. A súa defensa pide, por tanto, que saia absolto dos delitos que lle imputan, agás do de condución sen permiso.

Entre as testemuñas citadas no xuízo figuran os cinco axentes, tres gardas civís e dous policías locais, que interviñeron tras o sinistro e que contribuíron a localizar e deter o acusado no seu domicilio, onde dera positivo nas probas de alcol e opiáceos.


 

Noticias web

28/03/2019