CRTVG

Buscar

Cs abandona a marcha pola Constitución en Barcelona por unha pancarta contra a lei de violencia machista

Publicado o 06/12/2019 16:15

Son imaxes de Barcelona, pero que se repetiron por varias localidades de Cataluña ao longo da xornada. Centos de persoas mobilizáronse na comunidade para amosar o seu desprezo pola Consitución española e queimar exemplares dela, ao tempo que reclamaban a independencia.

En Xirona, convocouse unha marcha antifascista, que acabou con duras cargas policiais cando os manifestantes intentaron acceder a un acto da Sociedade Civil Catalana saltando os cordóns policiais.

Houbo actos tamén en defensa da Constitución. O principal foi na cidade de Barcelona, e nel participaron os máximos representantes do PP catalán e tamén o lider de Vox, Santiago Abascal. Ciudadanos tiña prevista a asistencia, pero cambiou de idea ao ver que na marcha había unha pancarta en que se pedía a derrogación da lei integral de violencia de xénero.

Tamén en Euskadi houbo actos dun e doutro lado. EH Bildu convocou unha manifestación en Donosti a favor da república vasca e polo dereito a decidir.

En Bilbao, a plataforma Libres e Iguais convocou unha concentración en defensa da Constitución en que participaron a portavoz do PP no Congreso, Cayetana Álvarez de Toledo; a ex-líder de UPyD, Rosa Díez, e o fundador da Plataforma Basta Ya, Fernando Savater.

Noticias web

06/12/2019