CRTVG

Buscar

Cronoloxía do caso do billete millonario sen dono

Publicado o 29/11/2019 14:26

Martes 26 de xuño de 2012, administración número 44 da Coruña: alguén sela catro boletos da Primitiva. O sorteo celébrase o sábado 30 e, dous días máis tarde, o martes 2 de xullo, esas catro apostas son comprobadas noutra administración, a número 22. A primeira en pasar pola máquina é a do premio millonario.

A policía sostén que o encargado, Manuel Reija, tivo que ver a mensaxe na pantalla que dicía "entregar ao cliente, resgardo gañador do sorteo, premio de primeira categoría". Tivo que velo, entre outras cousas, porque si lle entregou os tres euros cos que resultou agraciado outro dos boletos. E porque aos poucos minutos, a súa máquina rexistrou dúas comprobacións máis do billete millonario.

Un mes despois, o 3 de xullo de 2012, o vendedor de lotería deposita o boleto na delegación provincial. Faino adxuntando unha nota en que asegura que o atopou abandonado sobre o mostrador do seu establecemento, e que ficou moi sorprendido ao comprobar o premio.

Máis sorpresas: quen pasa a custodiar o papeliño máis caro de España é Miguel Reija, máximo responsable de Loterías do Estado na provincia da Coruña... e irmán de Manuel Reija, quen o 5 de setembro reclama o cobro do premio ao non aparecer un gañador. Pero entón Loterías do Estado trasládalle o caso á Policía Científica que, ademais de analizar a máquina de comprobación, atopa no boleto pegadas de ata once persoas distintas. Un ano despois, en setembro de 2013, o billete é trasladado a dependencias do Concello coruñés e, por primeira vez, a opinión pública sabe do asunto a través de senllos edictos municipais.

A partir de aí máis de 200 persoas denuncian ser os propietarios lexítimos do billete, entre eles un home que en febreiro de 2019 achega datos precisos de onde fora selado, un dato capital. Ese home morre o 12 de abril, mes e medio antes de que a policía remate unha longuísima investigación que sinala os irmáns Reija.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

29/11/2019