CRTVG

Buscar

Sánchez segue cos contactos en busca dun pacto mentres agarda resposta de Casado

Publicado o 17/04/2020 08:04

• O presidente do Goberno quere ter xa a próxima semana unha Mesa pola Reconstrución Económica e Social

• O PP cre que o urxente agora é un plan de choque e negociar os acordos máis adiante no Congreso

Pedro Sánchez prosegue hoxe a rolda de contactos cos representantes dos partidos políticos para alcanzar un pacto de reconstrución que o Goberno ve cada vez máis cerca. O presidente propón a creación dunha mesa de traballo para a semana que vén. Segue sen haber data para a reunión con Pablo Casado.

Na segunda xornada de reunións telemáticas co presidente do Goberno, hoxe será a quenda de Esquerra Republicana, Bildu e o Grupo Mixto, no que están integrados UPN, Coalición Canaria, Foro Asturias, Teruel Existe e o Partido Rexionalista Cántabro. Rematadas as reunións con Unidas Podemos, Ciudadanos, Junts per Cataluña, o PNV e algúns dos grupos minoritarios, o Goberno manifestaba o seu entusiasmo polo avance das conversas e pola boa disposición dos grupos.

Tras as conversas individuais, Sánchez convocounos a unha Mesa pola Reconstrución Económica e Social, que quere celebrar xa a semana que vén. Pero os representantes políticos fixeron as súas obxeccións. Junts per Catalunya di que non sentarán se o plan é reforzar o estado autónomico, o BNG pediu excluír os partidos da dereita e Compromis e Máis País reclamaron unha fiscalidade máis progresiva.

Máis crítica co resultado da reunión, a líder de Ciudadanos pide máis concreción. "É moi importante que o Goberno deixe a retórica e empece a concretar. Se se concreta que o contido do pacto son estes tres ámbitos, o sanitario, o económico e o social, eu creo que poden tirar cara adiante", asegura Inés Arrimadas.

E mentres os contactos cos outros partidos avanzan, segue no aire a reunión de Sánchez co Partido Popular, para a acal aínda non hai data. Pablo Casado cre que o urxente agora é un plan de choque e que para acordos a medio prazo xa está o Parlamento. E insta ao Goberno a acabar primeiro coas supostas desavinzas internas que di que hai no executivo.

O Partido Popular quéixase de que Sánchez non concreta nin o contido nin os participantes dos pactos. Na Moncloa insisten en que Sánchez eestá disposto a reunirse con Casado canto antes porque, aseguran, é o momento da unidade e non do enfrontamento.

Noticias web

17/04/2020