CRTVG

Buscar

Allariz, en nivel máximo, fai un cribado a 1.500 persoas ante o aumento de casos

Publicado o 14/01/2021 08:34

Para que teñan unha idea do que pasou no Nadal chega con mirar o que pasou no concello de Allariz. Antes das festas practicamente non tiña casos. Agora está en nivel máximo.

Dez casos na primeira fase da pandemia, cinco durante o verán, ningún despois da ponte de decembro. Allariz levaba meses esquivando o virus, ata que nas últimas semanas subiron ata os 59 casos.

"Viñan dunha situación bastante boa e agora atópanse cun índice bastante elevado que nos fai sospeitar que pode haber casos asintomáticos infectando a poboación".

As autoridades sanitarias cren que ese aumento exponencial de casos se debeu ás xuntanzas das últimas semanas.

"Estamos falando de contaxios familiares e, polo tanto, contaxios que se deben fundamentalmente ao contacto social que se mantivo durante as festas e efectivamente os datos que eles trasladan tamén dan conta dos picos que hai seis días despois de cada unha das celebracións, non? e iso ao final acaba sendo un contaxio exponencial porque acaba abríndose xa a máis casos e a máis circunstancias".

1.500 persoas estaban chamadas a participar no cribado de hoxe. Buscan asintomáticos e frear a curva canto antes.

"A ver cantos positivos dan na vila e a ver o resultado cal é".
"Estamos un pouquiño intranquilos porque loxicamente a situación é así un pouco de inseguridade, pero coa finalidade de que iso pase vimos aquí".

Nun prazo de entre 48 e 72 horas coñecerase o resultado das probas realizadas hoxe.

Noticias web

14/01/2021