CRTVG

Buscar

Crían 30.000 ourizos en catividade para repoboar a ría de Vigo

Publicado o 22/10/2020 15:20

Na illa de Toralla están a reproducir en catividade 30.000 ourizos de mar no marco do proxecto Ocimer. Cando acaden o tamaño axeitada soltaranse na ría de Vigo, onde este recurso está moi minguado.

Anos de explotación descontrolada fixeron que hoxe o ourizo sexa un recurso escaso. Coa idea de recuperar a especie, Noelia está a crialos en catividade nestes tanques da estación mariña de Toralla.

Noelia Tourón Besada, doutora en Bioloxía Mariña e Acuicultura: "Cando desovan mesturamos os oocitos e o esperma para facer as larvas e despois pasan a tanques de metamorfose onde pasan a ser miniouriciños".

Eses ouriciños van medrando grazas aos coidados e á dieta de algas coa que os alimenta. O proceso de cría é delicado, sobre todo cando son larvas, así que Noelia busca fórmulas para melloralo.

Noelia Tourón Besada, doutora en Bioloxía Mariña e Acuicultura: "Probamos diferentes microalgas e estruturas de fixación variando os parámetros para optimizalos e ver o que funciona mellor".

Nos últimos anos o quilo de ourizos pasou dos 3 aos 12 euros de media, con picos de 24 euros no Nadal. Pero máis aló do seu valor comercial, o máis importante é a súa función ambiental.

Noelia Tourón Besada, doutora en Bioloxía Mariña e Acuicultura: "Sen ourizos prodúcese un desequilibrio no ecosistema porque proliferan demasiado as algas e iso afecta a pesca e a todo".

Soltaraos no verán, cando teñan suficiente tamaño para defenderse dos depredadores. Contará coa colaboración da confraría de Cangas, comprometida a facer unha explotación sostible do manxar máis espiñento do mar.

Noticias web

22/10/2020