CRTVG

Buscar

Crespo di que os pagos en B no PP galego estaban "instalados institucionalmente"

Publicado o 13/11/2018 11:03
Crespo di que os pagos en B no PP galego estaban "instalados institucionalmente"

O considerado número dous da Gürtel, Pablo Crespo, afirmou hoxe no Congreso que no PP de Galicia existía unha "dinámica de donativos e pagos en B" que estaba "instalada institucionalmente" e que se estendía a outras formacións políticas.

O ex-secretario de organización do PP galego, condenado a máis de 55 anos de cárcere pola Gürtel, compareceu hoxe na comisión de investigación do financiamento do PP na Cámara Baixa, onde se reafirmou en anteriores declaracións nas que falou dun sistema de financiamento irregular do PP.

"Había doazóns irregulares, non creo que fosen ilegais, de empresarios, e efectivamente había unha contabilidade que non estaba na contabilidade do partido", precisou. Aínda que non responsabilizou directamente ao anterior presidente do PP e do Goberno, Mariano Rajoy, de coñecer este suposto sistema, Crespo dixo que xeralmente "todos os secretarios do PP coñecían a actividade que levaba o señor (Luís) Bárcenas", antigo tesoureiro do partido.

"Non falei de Rajoy", dixo Crespo, e engadiu que, a pesar de que non é probable que "un secretario xeral entre ata o detalle do que fai un xerente", si debe coñecer "os aspectos globais de como se financia un partido" ou de "se recibe donativos". O secretario xeral, engadiu, "obviamente" debe ter un coñecemento "global" do que fan os seus colaboradores.

Crespo reiterou que na súa época como secretario de organización do PP de Galicia e como deputado autonómico pagábanse "sobresoldos" non só a políticos, senón tamén a xornalistas, pero eludiu dar nomes concretos porque non é "elegante nin conveniente", dado que os que ostentaban cargos públicos xa están afastados da política.

Dixo que conta con documentación que demostra que dirixentes do PP galego teñen motivos para "calar" e precisou que o que fose presidente da Xunta Manuel Fraga e secretario xeral do PP Galego Xosé Cuiña coñecían que se pagaban sobresoldos pero non os cobraban, mentres que gardou silencio cando se lle preguntou por outros dirixentes do PP de Galicia, entre eles Mariano Rajoy.

Crespo explicou que o pago de sobresoldos era unha práctica xeneralizada e que "os donativos ían a un partido ou a outro" e non só ao PP: "Os empresarios nalgúns casos viñan de ver o representante de BNG ou do PSOE, porque todos os partidos financiábanse igual".

Ata tal punto que, como dixo en anteriores declaracións públicas, recoñeceu que só o 35% do diñeiro que se movía nas campañas de Galicia era legal. E aínda que dixo que as súas referencias son "indirectas", sinalou que cando el deixou as súas responsabilidades no partido cre que esa dinámica seguiu producíndose xa que estaba "instalada institucionalmente". 

Noticias web

13/11/2018