CRTVG

Buscar

Crecen os contaxios na área sanitaria de Vigo: xa hai máis de 800 casos activos

Publicado o 20/10/2020 13:49

24 horas durou a alerta vermella en Nigrán, cun gromo que tivo a súa orixe nunha voda en que se contaxiaron polo menos 15 persoas. 

"Eu estou aquí na casa do fillo coa pequena, porque teñen unhas clases confinadas. Pero do resto, medo, non, gardando as distancias, e tampoco somos persoas de andar por aí, de reunións, nin nada...".

"Medo ningún, o que pasa é que hai que ter un pouco máis de cabeza e facer as cousas ben e seguir os protocolos que hai, porque os casos que está a haber son pola irresponsabilidade da xente. Se non facemois caso, isto non vai rematar, hai que ter máis de conciencia e sentidiño".

Boas novas dende Nigrán para un área sanitaria, a de Vigo, que está ao bordo das restricións con 831 contaxiados. Leva dous días sendo a área de Galicia con máis novos casos. 36 persoas están ingresadas, sete delas en coidados intensivos, e dende o Sergas falan xa de transmisión comunitaria, ao aparecer moitos casos sen vencellar entre eles.

"Moita xente perde o sentido, principalmente a xuventude, e entón veñen os problemas... Logo saen á rúa a protestar... O normal é facer o que hai que facer, quedar na casa, saír, pero sen facer festas nin nada".

"Como veñen de todos lados e todos imos e vimos, pois ao final mesturamos todo, imos aos centros comerciais, mesturámonos e contaxiámonos".

Cangas mantense en alerta vermella polo gromo que ten a súa orixe no club de balonmán da cidade. Esta tarde o comité clínico que asesora a Xunta decide se hai que adoptar medidas restritivas na área sanitaria de Vigo polo aumento dos casos no concello máis poboado de Galicia.

Noticias web

20/10/2020