CRTVG

Buscar

Costas derruba un casucho de pesca en Fisterra do século XIX

Publicado o 25/02/2020 14:32

Dúas familias compartían a propiedade do casucho centenario empolicado ás rochas da praia de Sardiñeiro, en Fisterra. Hai tres anos, Costas avisou de que o ían derrubar por infrinxir a lei e non estar rexistrado. O martes 11 de febreiro unha pa escavadora tirounos abaixo. Só quedou un terraplén que deixa desamparado o paseo de cemento.

Cando se construíu ou vendeu ata a entrada da Lei de costas nos 80 os veciños din que non se rexistraba nada. Tras un contencioso, o caso quedou sobresido porque o único documento de propiedade de 1894 se extraviara. Os donos presentaron fotos de 1963, antes da Lei de costas, e recibos da contribución, pero de nada valeu. Noutros lugares, os casuchos salváronse por pasar o Camiño a Fisterra.

Berce de sagas de pescadores, Sardiñeiro enteira reaccionou ante o que consideran unha inxustiza e un atentado contra o seu patrimonio mariñeiro, en uso ata hai 40 anos para gardar barcas e artes ou tinguir as redes para a sardiña.

"Un de pedra que lle chamaban o cascador, porque había unha caldeira moi grande onde se metía a casca para os aparellos que eran de algodón, se encascaban e se tendían cada quince días, porque aquí había moita actividade", di Xosé López, mariñeiro.

"Sentímonos afectadas que tiraran con parte do noso patrimonio cando podería haber outras solucións, dedicalas a servizo comunitario .... é un perigo porque este paseo cando veña un temporal está a piques de derrubarse", explica Rocío Marcote, familiar duns propietarios.

As pedras permanecen desde entón ciscadas nun terreo a pé de estrada por se os donos queren darlles outro uso. Tras as desfeitas do pazo, o río, a conserveira, as árbores da estrada, a escola... Sardiñeiro vese impotente ante a desaparición dun patrimonio sen catalogar, pero que formaba parte da historia dos seus ancestros.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/02/2020