CRTVG

Buscar

Dous feridos nun accidente na vía de alta capacidade do Salnés

Publicado o 15/10/2019 10:55

O estado en que quedaron os vehículos dá conta da violencia da colisión. Producíase contra as oito e media da mañá, en Vilariño, na vía de alta capacidade do Salnés, a escasos 300 metros da saída de Cambado. No sinistro víronse implicados tres vehículos.

Juan José López, tenente da Garda Civil de Tráfico de Pontevedra, explica, no lugar dos feitos, que o primeiro coche puido esquivar un vehículo que, presuntamente invadiu o carril contrario e contra o segundo vehículo prodúcese a colisión. O resultado é dous feridos graves e dous ilesos.

As dúas persoas feridas, que conducían os dous turismos accidentados, tiveron que ser liberadas por efectivos dos Bombeiros do Salnés, desprazados ao lugar. Trátase dunha muller de 42 anos, que foi trasladada ao Hospital Domínguez de Pontevedra, e un home de 46 que foi trasladado ao Hospital do Salnés, en Vilagarcía. A aparatosidade do sinistro obrigou a cortar esta vía por completo durante aproximadamente hora e media. "Este sinistro obrigounos a cortar a estrada VG-4.3 Vilagarcía-Cambados e establecer desvíos pola PO-549".

O impacto deixou numerosos restos na calzada. Ademais de retirar o que quedou dos vehículos, totalmente desfeitos, bombeiros e persoal de mantemento da Axencia Galega de Infraestruturas procederon á limpeza da vía, que quedou reaberta ao tráfico ás dez da mañá.