CRTVG

Buscar

Cócteles a domicilio para afrontar a crise da hostalería

Publicado o 27/10/2020 14:08

Entre a ocupación limitada e o toque de queda, os pubs e locais de copas teñen pouca marxe de traballo na situación actual. Algúns aproveitan para buscar novas fórmulas de negocio, como o servizo de copas a domicilio.

Como tantos outros, o mítico pub Atlántico de Santiago, hoxe en día, só podería atender en terraza, ao 50 por cento, a conviventes e antes do toque de queda, así que optaron por pechar, temporalmente. Pero dentro, continúa a actividade.

Pilar Fernández García, pub Atlántico de Santiago: "Á parte que moitos clientes nosos pedíannos tanto a coctelería como "por que non me vendes unha botella disto para casa?", así que dixemos, pois pode funcionar".

Fixeron unha primeira selección, porque non todos os cócteles son aptos para o envasado, o transporte ou unha execución inexperta, e elaboraron a súa primeira carta de copas a domicilio. Inclúe 12 cócteles e 5 lotes.

Pilar Fernández García, pub Atlántico de Santiago: "Por exemplo, o lote vermú: metemos a botella de vermú, algunhas latiñas, patacas fritas... todo o necesario para facer unha sesión vermú na túa casa".

O paquete inclúe decoración, condimentos e, tamén, instrucións para a montaxe final. Neste caso, o Kind of Magic, premio ao cóctel máis creativo no último concurso de tapas de Santiago.

Benjamín Seoane, pub Atlántico: "Explicámoslle ao cliente que este cóctel ten un ritual porque leva como ingrediente o pau santo, que atrae as boas enerxías: hai que prender o pau".

E na caixa, outro extra, unha lista de reprodución para evocar, desde a casa, os momentos máxicos do Atlántico.

Noticias web

27/10/2020