CRTVG

Buscar

Na área sanitaria de Vigo hai dous focos supostamente vencellados a celebracións

Publicado o 05/09/2020 15:13

Na área sanitaria de Vigo hai dous focos supostamente vencellados a celebracións. Un deles orixinouse supostamente nunha comuñón no Rosal e acabou afectando un supermercado. As festas de Patos e de Vigo tamén seguen facendo incrementar os contaxios.

A actividade é a habitual neste céntrico supermercado do Rosal en que, segundo os veciños, houbo tres casos de coronavirus, o establecemento só confirmou un positivo e o xoves pola tarde permaneceu pechado, fíxose unha desinfección completa e substituíuse todo o cadro de persoal que estivo en contacto co afectado.

Algúns veciños amosan a súa preocupación, porque hai un afectado na canteira do club de balonmán e un reponsable dunha oficina de seguros, que permanece pechada. Segundo algunhas fontes, a orixe foi unha comuñón. Porén, as celebracións continúan na vila, hoxe celébranse dúas vodas, unha delas cun cento de convidados.

A alcaldesa do Rosal di non ter constancia oficial dos casos, aínda que a proximidade e a relación social coa veciña A Guarda facía esperable que o virus chegase tamén. Pide tranquilidade, prudencia, respecto para os afectados e que se cumpran máis ca nunca as recomendacións sanitarias.

Ademais, son xa vinte e seis os afectados polo gromo orixinado por dúas festas da mesma vintena de amigos nun chalé da praia de Patos, en Nigrán, e noutro domicilio de Vigo. Na área de Vigo son xa 337 infectados por covid-19, trece deles hospitalizados, só hai un na UCI de Povisa.

Noticias web

05/09/2020