CRTVG

Buscar

Continúa o conflito en Boiro entre os mariscadores de Cabo de Cruz

Publicado o 30/07/2019 13:56

Continúa o conflito entre os mariscadores de Cabo de Cruz, en Boiro. Os de embarcación acusan os de a pé de querer botalos das praias. Din que non fan máis que queixarse a pesar de que teñen tres veces máis superficie produtiva ca eles. O sector de a pé di que o único que piden é que cumpran a lei e non invadan as zonas delimitadas.

Hoxe cúmprense doce días desta liorta entre as mariscadoras de a pé e os rañeiros de Cabo de Cruz, en Boiro. O desencadeante foi a presunta invasión das zonas de marisqueo restrinxidas para o sector de a pé.

Case dúas semanas despois, a calma semella que volveu á lonxa, pero o problema segue lonxe de resolverse.

Os mariscadores de embarcación acusan as de a pé de acoso e persecución. Din que o seu obxectivo é botalos das praias. Argumentan que elas teñen tres veces máis concesións e máis superficie produtiva, algo que consideran inxusto.

As mariscadoras a pé din que nada máis lonxe da realidade, aseguran que o único que queren é que cumpran a lei e respecten os límites preestablecidos.

Malia que a tensión non é a mesma que hai unhas semanas e que as invasións das zonas delimitadas semella que van a menos, o conflito acabou salpicando o Concello de Boiro. O patrón maior da confraría de Cabo de Cruz pediu recentemente a dimisión do alcalde por poñerse do lado das mariscadoras de a pé.

O rexedor asegura que o único que fixo foi intentar mediar e que non se puxo a favor de ninguén. Dende a confraría seguen defendendo que a solución a este problema debe darse internamente.

Noticias web

30/07/2019

Máis sobre actualidade