CRTVG

Buscar

Continúa a recollida para os bancos de alimentos

Publicado o 27/11/2020 15:03

No Banco de Alimentos de Santiago están xa preparando os lotes de Nadal, pero as campañas de recollida aínda están en marcha. Hai moitas maneiras de doar.

José Pita Chento, o presidente da Federación de Bancos de Alimentos de Galicia, conta que nos Cash Galicia puxeron colectores e "outros supermercados doaron directamente. Moitas familias fixeron unha compra coma se fose para elas e despois doárona ao Banco de Alimentos".

Facela compra e indicar que se envíe ao Banco de Alimentos ou ben optar pola doazón virtual que se artellou este ano por mor da pandemia. No lugar de entregar alimentos dun xeito físico pódese doar diñeiro en liña directamente dende a caixa do supermercado. Máis ca nunca, os bancos de alimentos necesitan facer despensa porque creceu o número de familias en situación de emerxencia alimentaria.

José Pita Chento, presidente da Federación de Bancos de Alimentos de Galicia, asegura que hai moitos casos, "xente que non cobrou, que está en ERTE ou que ten paga de subsistencia vital. Son xente que tiña un traballo, que tiña un posto e que agora non teñen nada".

Quedan aínda moitos días para facer chegar as doazóns, para que os bancos de alimentos as distribúan antes das festas do Nadal.

 

Noticias web

27/11/2020