CRTVG

Buscar

Continúa a lea entre PSOE e Unidas Podemos a conta da lei de liberdade sexual

Publicado o 05/03/2020 09:02

A lea no Goberno á conta do proxecto da lei de liberdade sexual segue sen pecharse. Ministros socialistas respóndenlle a Pablo Iglesias que no executivo non hai ningún membro machista. A ministra de Igualdade, Irene Montero, dixo que as leis feministras sempre foron cuestionadas. 

A ministra de Igualdade quería ter aprobado o anteproxecto de lei de liberdade sexual antes do 8-M, pero do que se fala na semana previa ao Día da Muller é das mensaxes cruzadas entre os ministros á conta da suposta lea interna no Goberno. Esta declaración do vicepresidente Pablo Iglesias alentaba a polémica.

"Nas excusas técnicas creo que hai moito machista frustrado", dicía Iglesias á mañá.

E provocaba a reacción inmediata do PSOE.

"Non hai ministros machistas; aquí hai un Goberno feminista do primeiro ao último", respondía a voceira socialista Adriana Lastra.

Tamén reaccionaba o propio ministro de Xustiza, que pedía prudencia.

"Estou convencido de que os políticos falamos demasiado", dicía o ministro.

Juan Carlos Campo admitiu que corrixira aspectos do borrador da lei, e enmarcouno nun proceso ordinario de mellora.

"Poñémonos tiquismiquis para que as leis que saen dun Goberno sexan o máis perfectas posible. E nese sentido, non hai ningún tipo de reproche", explicaba o ministro.

O voceiro de Unidas Podemos, Pablo Echenique, denunciaba pola tarde comportamentos machistas nas reaccións ao feito de que unha muller redacte unha lei de igualdade. Nesa liña tamén se pronunciaba a ministra Irene Montero.

"Sempre as leis feministas foron cuestionadas e despois co paso do tempo ata os seus máis furibundos adversarios terminaron recoñecendo que eran boas para o país. Con esta pasará exactamente o mesmo", dicía a ministra.

Con todo, tanto Irene Montero como Victoria Rosell, delegada do Goberno contra a Violencia de Xénero, restáronlle importancia ao asunto, aseguraron que as discrepancias se limitaron a unha palabra ou expresión e pediron que ninguén cuestione que este é un Goberno feminista.

Noticias web

05/03/2020