CRTVG

Buscar

Finaliza sen éxito a segunda xornada de busca do patrón da lancha que naufragou preto das Cíes

Publicado o 25/02/2020 21:06

A melloría do tempo pola tarde permitiu reforzar con medios aéreos a busca do mariñeiro que continúa desaparecido logo do naufraxio da embarcación Marsúa nas Cíes. Salvamento Marítimo coordina un dispositivo con medios propios, da Xunta e da Garda Civil, ao que tamén se sumaron pesqueiros da zona.

O aumento da visibilidade permitíu que os helicópteros da Garda Civil, de Salvamento Marítimo e da Xunta de Galicia se incorporasen, por quendas desde a primeira hora da tarde, á busca do patrón do pesqueiro, que continúa desaparecido, pero o mar aínda non presenta boas condicións para as inmersións dos submarinistas. O dispositivo marítimo, formado por embarcacións destas institucións e por barcos da confraría de Baiona, compañeiros dos náufragos, rastrexou durante toda a xornada a zona, nas proximidades das illas Cíes, onde se pensa que un golpe de mar levou a lancha a bater contra as rochas mentres pescaban robaliza, unha arte que se practica preto das rompentes.

No que levamos de mes, o mar xa levara as vidas de dous mariñeiros, un do Grove e outro da Illa de Arousa. Este naufraxio suma outro falecido e un desaparecido a este febreiro tráxico para a baixura das Rías Baixas.

Este mércores recibirá sepultura en Baiona o mariñeiro cuxo corpo puido ser rescatado pouco despois do accidente. Nigrán, Gondomar e Baiona, os concellos de orixe e de residencia dos tripulantes do Marsúa, decretaron dous dias de loito oficial e suspenderon os actos do Entroido. No entanto, o operativo de busca volverá despregarse nos arredores das Cíes.

Noticias web

25/02/2020