CRTVG

Buscar

Continúa a busca do mozo desaparecido en Viveiro

Publicado o 17/12/2019 14:29

Familiares, amigos e forzas de seguridade buscan en Viveiro a Alejandro Meitín, un home de 34 anos do que nada se sabe dende a madrugada do domingo. Acudiu a un restaurante da zona de Area para participar na cea da empresa, xunto cos seus compañeiros dunha conserveira da zona, pero despois nunca regresou á súa vivenda da parroquia de Vieiro. O seu móbil está apagado e falta tamén o seu coche, un Ford Fiesta de cor gris.

Os seus compañeiros non saben a que hora abandonou o restaurante e outras fontes sitúano nun bar do centro da vila contra as 8 da mañá do domingo. A súa familia pensa que puido ter un accidente e rastrexa as estradas polas que puido pasar. Piden a colaboración veciñal e que se alguén o viu se poña en contacto con eles ou coas forzas de seguridade.

A Policía Nacional está a investigar o caso e non descarta ningunha hipótese, mesmo que se puidese tratar dunha marcha voluntaria.

Despois de que a familia presentara denuncia e tras cumprirse as 48 horas da súa desaparición, a policía podería solicitar nos xulgados a autorización para rastrexar o seu teléfono móbil.

Noticias web

17/12/2019