Loito en Ribeira e na Pobra pola morte dunha parella nun accidente de tráfico
• Os corpos dos falecidos foron entregados aos seus familiares
• A Garda Civil investiga os motivos que causaron o sinistro
Loito en Ribeira e na Pobra do Carmiñal pola morte da parella de mozos, falecidos nun accidente de tráfico na tarde do sábado. Foi nun choque frontal en Palmeira. A ocupante do outro vehículo está ingresada en estado moi grave.
No Clínico Universitario de Santiago segue ingresada a muller que conducía o BMW. As súas feridas son moi graves. Trasladárona en helicóptero dende o lugar do accidente e as vindeiras horas poden ser determinantes para a súa evolución.
En Santiago tamén estiveron facéndolles a autopsia aos corpos dos dous falecidos, a parella de 29 e 28 anos. Esta tarde serán trasladados aos tanatorios da Pobra e Ribeira, para que poidan ser velados polos seus achegados. Os enterros serán mañá luns.