CRTVG

Buscar

Consenso de todos os partidos para adiar as eleccións ao Parlamento de Galicia

Publicado o 16/03/2020 21:09

O consenso para adiar as eleccións foi unánime. Tamén hai coincidencia en buscar o acordo sobre o funcionamento da Deputación Permanente, que é o único órgano en marcha xa que o Parlamento está disolto desde que se convocaran as eleccións.

"O que nos parece lóxico é propoñer algún criterio no que quede claro como se retoma a convocatoria electoral. A nós válenos que unha vez que se elimine o estado de alarma e a alarma sanitaria teñamos un prazo razoable no que se teña que retomar a convocatoria. Pode ser inmediatamente, un mes despois, en todo caso, onde se dean as circunstancias propicias ", di Ana Pontón, voceira nacional do BNG.
"Todas as forzas estamos actuando con lealdade que é como ten que ser, poñéndonos tamén a disposición do Goberno da Xunta. Polo tanto creo que un asunto tan relevante como é a cita electoral todos os pasos teñen que ter o consenso do conxunto de forzas políticas representativas", asegura Antón Gómez-Reino de Galicia E Común-Anova Mareas.
"Propoñemos que busquemos por consenso o mellor mecanismo e o mellor sistema de decisión da data electoral que pode contemplar a data de 27 setembro como referencia por ser aí cando se cumpren os 4 anos desde a última convocatoria electoral. Se existe un consenso para celebrar antes desa data as eleccións, nós estamos dispostos a traballar nese consenso", afirma Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG.
"Esa procura de consenso que nos levou a todos a defender a necesidade de pospoñer as eleccións para o momento no que esta crise sanitaria estea superada. Hai consenso nesa necesidade e tamén hai unha procura do consenso sobre os mecanismo xurídicos que son moi complexos e cos que formalizaremos o adiamento electoral", di Pedro Puy do PPdeG.

Noticias web

16/03/2020