CRTVG

Buscar

Ábalos, sobre adiantar o toque de recollida: "Se hai acordo, non hai problema"

Publicado o 20/01/2021 08:11

• A comunidade autónoma madrileña négase

• Castela e León xa aplicaba a recollida ás oito do serán, contra o cal recorreu o Goberno ao Supremo

Debate: adiantar o toque de recollida axudará a frear a pandemia?

Coa incidencia de casos disparada en toda España, o Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas reúnense hoxe para tratar medidas que atallen o incremento dos contaxios. Boa parte dos gobernos rexionais, entre eles Galicia, piden adiantar o toque de recollida, unha opción á que se nega Madrid.

A maioría das comunidades autónomas apostan por endurecer as restricións e pídenlle ao Goberno marxe para adiantar o toque de queda ás oito. Será o principal asunto que se trate na reunión do Consello Interterritorial de Saúde que se celebrará telematicamente esta tarde desde Sevilla.

O ministro de Sanidade deberá decidir se opta por flexibilizar o estado de alarma para que se permita adiantar o toque de recollida ás oito do serán. É o que lle demandan a maioría dos gobernos rexionais coma Valencia, Andalucía, Murcia, Castela A Mancha e tamén Galicia.

No Goberno reiteran que as comunidades aínda teñen marxe para endurecer as restricións co actual decreto. 

O ministro de Sanidade xa manifestou a súa opinión. Considera que as comunidades teñen ferramentas suficientes para frear a pandemia, que non é necesario reformar o actual decreto do estado de alarma e que teñen que agardar a que as medidas fagan efecto. Aínda así, o Goberno central di que está disposto a oír as propostas das comunidades. 

María Jesús Montero, voceira do Goberno: "As comunidades autónomas teñen marxe para que aínda se poidan apurar os instrumentos que permitan diminuír a mobilidade dos cidadáns, a ferramenta que se desmostrou máis útil na loita contra esta enfermidade. E evitar os contactos que non sexan estritamente necesarios". 

O ministro de Transportes, José Luis Ábalos dicía que "se hai acordo, non hai ningún problema. Se aquí non hai ningunha cuestión que se impoña ao conxunto, senón o que se decide entre todos, iso é o que conta. O decreto pode ser modificado porque establece que moitas desas medidas poderán ser modificadas polo Goberno sen necesidade de ir incluso ao Congreso".

Contraria a adiantar o toque de recollida manifestouse con rotundidade a presidenta da Comunidade de Madrid.

Cataluña, pola súa banda, supedita variar o horario do peche domiciliario nocturno á opinión das autoridades sanitarias.

En Castela e León, desde a fin de semana xa se hai que recoller ás oito do serán. Contra esta medida recorreu o Goberno central. O Supremo dálle agora un prazo de dez días ao goberno rexional de Fernández Mañueco para que achegue os informes xurídicos en que sustentou a implantación do novo horario de recollida na comunidade. 

Ana Pastor, Vicesecretaria de Política Social do PP afirma que "á vista do que pasou ata agora, que se deixou as comunidades autónomas á súa sorte, tomando decisións que nalgúns casos, ademais, o Goberno recórreas, pedimos que haxa un plan para loitar contra esta onda expansiva, un plan, non dezasete"

Noticias web

20/01/2021