CRTVG

Buscar

Conseguen que nazan tenreiros que non terán cornos mediante selección xenética

Publicado o 10/10/2019 16:59

O touro chámase Tío P. P. porque ten dobre 'p', o que asegura, falando de ADN, que o cen por cento dos seus descendentes nacerán sen cornos.

Unha solución natural para as explotacións intensivas de leite ou de carne en que non queren cornos nas vacas. 

"En animais estabulados, con espazos moi limitados, os cornos convértense nun inconveniente máis ca unha vantaxe", explica Mauricio de Los Santos, veterinario de Xenética Fontao.

Contra iso, o máis habitual é descornar os animais. 

"Cando son animais pequeniños, antes de que o corno brote, bótaselle un cauterizador ou substancias químicas que eliminan o brote do corno". E, se non, só quedaría o trauma de amputar.

A práctica do descornado non casa coa idea de benestar animal. A alternativa, a selección xenética, cousa que fan neste centro de Lugo con exemplares coma Tío P. P.

"Do que se trata é de poñer á disposición dos gandeiros seme de touros que sexan portadores do xene acorne para que a descendencia sexa acorne tamén". Un proceso natural.

Pero na Universidade de California fixeron algo moi diferente: "Obedece a unha manipulación xenética nos embrións. Unha manipulación xenética para obter individuos sen cornos. É algo que está xa na natureza, pero eles conségueno mediante manipulación xenética", aclara Alejandro Fernández, xefe da área de Selección de Xenética Fontao.

Agora ben, eses animais dos americanos non valen para comer. 

"Dos organismos modificados xeneticamente a lexislación europea prohibe a súa entrada na cadea alimentaria".

E, arredor da manipulación do ADN das vacas, vemos problemas éticos. 

"No mundo animal quedan un pouco máis afastados, pero o seguinte paso é o home", conclúe Fernández. Ética e ciencia buscando ir á mesma velocidade.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/10/2019