CRTVG

Buscar

Morren máis de 40 persoas na colisión entre un autobús e un camión no Brasil

Publicado o 25/11/2020 19:52

Polo menos 41 persoas faleceron este mércores e polo menos outras dez resultaron feridas no estado de Sao Paulo debido á colisión entre un autobús que transportaba un grupo de empregados e un camión, considerado como un dos peores accidentes de tráfico do último lustro no Brasil.

O Corpo de Bombeiros informou que 37 persoas morreron no lugar da colisión e outros catro pasaxeiros faleceron en hospitais da rexión debido ás graves feridas. O accidente produciuse nunha zona de difícil acceso na estrada Alfredo de Oliveira Carvalho, á altura da localidade Taguaí, uns 350 quilómetros da capital paulista e preto da fronteira co estado de Paraná.

O portavoz da Policía Militarizada de São Paulo, o tenente Alexandre Guedes, afirmou á cadea televisiva GloboNews que, ao parecer, o vehículo transportaba ao redor de 50 traballadores dunha empresa téxtil da rexión, pero explicou que aínda non é posible precisar cifras exactas.

"Socorremos preto de 15 persoas no lugar e catro faleceron no traslado ou no hospital. Non podemos dicir que é un número definitivo" porque "hai outras vítimas que requiren coidados", dixo. Trátase do máis grave accidente de tráfico nas estradas de Sao Paulo nos últimos 22 anos, segundo o portavoz.

Guedes agregou que as causas do sinistro están a ser investigadas por un equipo de peritos que xa está no local.

"A hipótese é que o accidente ocorreu por mor dun adiantamento por parte do autobús", que terminou por chocar frontalmente co camión, dixo.

Pola súa banda, o gobernador do estado de Sao Paulo, João Doria, lamentou o ocorrido, prestou a súa solidariedade aos familiares das vítimas e anunciou un grupo de traballo intensivo para auxiliar nos labores de identificación das vítimas.

Noticias web

25/11/2020