CRTVG

Buscar

Confírmase en Vigo o terceiro caso de coronavirus en Galicia

Publicado o 06/03/2020 09:50

• O home ingresado en Vigo non cumpría os criterios epidemiolóxicos nin antecedentes de viaxes de risco

• O Goberno galego di que está en alerta e preparado para afrontar a prevención do virus

 

O terceiro caso de coronavirus en Galicia tamén é importado, é dicir, infectouse fóra. É un home, de 43 anos, que viaxou a Madrid e fora atendido no complexo hospitalario Álvaro Cunqueiro, de Vigo, e quedara ingresado o sábado con sintomatoloxía respiratoria, pneumonía bilateral.

Víctor del Campo, Xefe de servizo de Medicina Preventiva do Hospital Álvaro Cunqueiro: "O paciente non cumpría os criterios epidemiolóxicos do protocolo vixente neste momento. A pneunomía non cumpría criterios de gravidade nin tiña antecedentes de viaxe a zonas de risco".

Pero unha vez que deu positivo na proba de coronavirus, que logo confirmou o Centro Nacional de Microbioloxía, pasárono a un cuarto de illamento no hospital, canda a súa muller de 47 anos, que fora a primeira en confirmar a infección. Ela continúa asintomática.
Os contactos dos dous, tanto persoais como profesionais sanitarios, están identificados e en fase de seguimento. Está, por exemplo, en estudo un paciente que compartira cuarto co home.

O caso desta parella de Vigo súmase ao do home de 49 anos que permanece no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

Desde a consellería fan un chamamento á tranquilidade. Lembran a importancia de que os casos diagnosticados en Galicia sexan todos importados.

Xurxo Hervada, subdirector xeral de Epidemioloxía: "Seguimos pensando que non hai circulación do virus en Galicia e seguimos vendo que o sistema de detección e a sensibilidade do sistema é alta".

Os hospitais galegos seguen os protocolos pechados co Ministerio de Sanidade e o resto das comunidades autónomas. Das preto de 170 probas realizadas en Galicia, só tres deron de momento positivo. Á parte do 061, o Sergas habilitou o número gratuito de información 900 400 116.

 

A consellería fai un chamamento á tranquilidade e lembra que, polo momento, os casos diagnosticados en Galicia son importados.

 

A Coruña rexistrou o primeiro caso

O primeiro positivo é un caso importado, é dicir, que non se contaxiou en Galicia. É un home que veu de Madrid para unha entrevista de traballo. Permanece aquí illado no CHUAC e segue estable. As persoas coas que compartiu coche están localizadas e fáiselles un seguimento diario, o mesmo que ao resto das que puideron ter contacto con el na súa estadía en Galicia.

Galicia activou o protocolo de actuación. Ao tratarse dun contaxio importado, que vén de Madrid, o Sergas traballa nunha primeira fase de contención. 

Xurxo Hervada, subdirector xeral de Epidemioloxía do Sergas: "Iso significa que aquí non hai circulación do virus no nivel comunitario. Non sería de estrañar, e vai suceder, que aparezan máis casos. O importante aquí é que non sexan de transmisión comunitaria en Galicia, senón infeccións de fóra".