CRTVG

Buscar

Confirman o arquivamento da causa contra dous altos cargos do Sergas polas mortes por hepatite C

Publicado o 03/12/2020 12:01
Confirman o arquivamento da causa contra dous altos cargos do Sergas polas mortes por hepatite C

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, desestimou os recursos de apelación presentados pola Fiscalía e pola Asociación de Afectados pola Hepatite C e arquivou a causa contra dous altos cargos do Sergas que foron investigados como presuntos responsables de delitos de homicidio e prevaricación.

Desta forma, a Audiencia Provincial rexeita os recursos fronte ao auto de novembro de 2019 en que o Xulgado de Instrución número 3 de Santiago decretaba o sobresemento provisional da causa e o arquivo das actuacións contra o exdirector de Asistencia Sanitaria e actual xerente da área sanitaria de Ourense, Félix Rubial, e a que era subdirectora de Farmacia do Servizo  Galego de Saúde, Carolina González-Criado, no momento dos feitos.

Os dous foron investigados como presuntos responsables de delitos de homicidio por imprudencia grave profesional e prevaricación por, presuntamente, non facilitar o tratamento a pacientes de hepatite C.

Os xuíces da sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña consideran inexistente a relación de causalidade entre os falecementos dos pacientes e os actos imputables aos investigados.

Sosteñen, neste sentido, que "non se aprecia indiciariamente a omisión dun deber de coidado", ao sinalar que carecen de indicios de que, de non haber demora na autorización do fármaco, isto puidera ter algún efecto nos pacientes.

"Debe reiterarse -recolle o auto da Audiencia- que desde que o médico que trata ao paciente decide solicitar o fármaco ata que lle é administrado ao enfermo hai un longo camiño en que a actuación dos investigados cínguese ao tramo entre a recepción da solicitude na Subdirección xeral de Farmacia e a aprobación do ditame da subcomisión".

Indica, ademais, o tribunal, que aos investigados non se lles pode responsabilizar "das situacións previas ou posteriores a tal entrada".

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña sostén que a priorización dos pacientes e as restricións sobre as solicitudes do medicamento producíronse "desde a perspectiva de que era próxima a cristalización das xestións sobre o financiamento e inclusión do fármaco na oferta do sistema de saúde".

"Non era denegación, senón posposición"

Por iso, entende o tribunal que "non era unha denegación, senón unha posposición da solicitude e eventual autorización ata que concluíse o programa para o cal se estableceu a prioridade, con criterios técnicos, dun determinado grupo de pacientes".

Os xuíces, por tanto, conclúen que "non cabe estimar como constitutivo de prevaricación que a tramitación das solicitudes tivese como referencia esas pautas progresivamente máis amplas, reiterándose que en todo caso estariamos ante unha posposición na tramitación e non ante unha denegación da autorización do tratamento".

No auto que decretaba o sobresemento provisional da causa, o o xuíz instrutor considerou que non se pode afirmar que "a morte ou falecemento dos pacientes sexa imputable causalmente aos investigados", e que "o falecemento sobreveu por causas alleas á demora, omisión ou dilación na tramitación das peticións ou solicitudes de aplicación dos novos fármacos".