CRTVG

Buscar

Confinan un edificio de Monforte por un gromo con nove positivos

Publicado o 19/08/2020 14:39

Persoal sanitario acudía esta mañá ata o edificio en que se detectaron os primeiros casos para facerlles as probas ao resto dos inquilinos. Todos gardan corentena á espera dos resultados.

Os contaxiados están repartidos por dúas vivendas. Son de orixe latinoamericana, procedencia da maioría dos residentes desta rúa, e moitos teñen vínculos familiares, por iso as probas tamén se están realizando noutros inmobles.

A maioría dos contaxiados están asintomáticos ou presentan síntomas leves, pero a situación preocupa no barrio.

"Claro que preocupa, porque non sabes cando te podes contaxiar", coméntannos na rúa. "Ver os sanitarios cos traxes impresiona".

Preocupan tamén os gromos de Melide, concretamente o detectado nun grupo de amigos, que segue a medrar e xa suma 12 contaxiados. Esta tarde comezan as probas do cribado masivo para a rapazada entre 18 e 30 anos.

Faranse un milleiro de PCR, para ao que se desprazaron tres equipos de enfermería ao centro de saúde "co fin de detectar os casos positivos asintomáticos que puidesen facer unha maior difusión do gromo e, polo tanto, evitar a transmisión comunitaria", segundo explica Cristina Fernández, xefa do servizo de Medicina Preventiva.

Investigan se o gromo está relacionado coas celebracións nocturnas coma esta, en que non se gardaban as medidas sanitarias.

O outro gromo é familiar e mantense con tres infectados, un matrimonio e o seu fillo.

"Venres e sábado pasado, cando noutras áreas sanitarias estaba pechado, non quero especular, pero non sei se foi un efecto chamada. Melide sempre se coñeceu pola movida nocturna", di Xosé Pérez, alcalde de Melide.

Nas últimas horas tamén medrou o número de contaxiados no concello ourensán de Viana do Bolo. Alcanza os 13 positivos. Tamén hai dous infectados máis no gromo detectado no cámping de Muros, que chegan a 10.

Noticias web

19/08/2020