CRTVG

Buscar

Acabaron as voltas: alivio pola apertura dos pasos de Arbo, Salvaterra e Tomiño

Publicado o 15/06/2020 08:22

Levantáronse os valados no paso fronteirizo de Arbo. Xa circulan os primeiros coches dun e doutro lado da fronteira.

A medida dá certo alivio a centos de traballadores que nestes meses perderon centos de horas en atascos e facendo quilómetros de máis. Aínda así, esta reapertura non contenta a todos.

O problema está no horario. Tanto este paso, coma o de Salvaterra ou Tomiño teñen uns horarios restrinxidos: de luns a vernes e desde as oito da mañá ata as dez da noite. E iso non se adapta a todos os traballadores.

Ademais, moitos veciños de un e outro lado da fronteira que regulamente cruzaban para realizar actividades cotiás aínda non poden atravesar estes pasos e terán que agardar ata o 1 de xullo para poder facelo.

Este luns, nas primeiras horas logo da apertura podíanse observar nestes lugares patrullas da Garda Civil realizando controis para comprobar que as persoas que trataban de cruzar por estes lugares realmente eran traballadores que acudían aos seus postos e que tamén cumprían coas medidas de seguridade para o uso de vehículos.

Representantes dos municipios dos dous lados da raia celebraban xuntos esta apertura na ponte internacional de Arbo. 

Con todo, segue a haber reclamacións para que se amplíen os horarios destes accesos e tamén para que se abran outros na provincia de Ourense.

 

 

 

Noticias web

15/06/2020