CRTVG

Buscar

O transporte discrecional de viaxeiros demanda axudas para evitar a creba

Publicado o 12/05/2020 09:57

O transporte discrecional de viaxeiros atravesa unha situación crítica ante a redución practicamente a cero da actividade.

Co sector turístico paralizado e a limitación da mobilidade derivada do estado de alarma, as empresas tiveron que acollerse aos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) por causas de forza maior. Pero non cren que poidan aguantar sen axuda, porque ven este ano perdido.

As empresas do sector que combinan o transporte discrecional con algunha concesión de liñas regulares ou transporte escolar poden ver amortecida a drástica redución da actividade, pero as que se dedican maioritariamente a transporte discrecional non teñen alternativa.

Moitas delas, ademais, suman ao descenso de ingresos pola paralización da actividade os gastos asumidos ao renovar a frota para afrontar a que, ata este ano, era a época de maior traballo. "A mellor época do ano está perdida", lamenta Jesús Lourigados, de Autocares Vázquez.

No sector piden axudas á Xunta para evitar os peches e que as medidas de reactivación de cara ao Xacobeo os teña en conta. Calculan que uns 600 traballadores e outros tantos vehículos están parados só no que se refire ao transporte discrecional. Aseguran estar preparados para dispoñer todas as medidas de seguridade e protección persoal dos viaxeiros.

 

Noticias web

12/05/2020