CRTVG

Buscar

As empresas auxiliares de automoción retoman parcialmente a actividade

Publicado o 04/05/2020 09:23

As empresas auxiliares da automoción retoman hoxe a actividade de forma parcial, e iso nótase no cinto industrial de Vigo, onde a maior parte delas traballan para PSA, que se espera que reabra a vindeira semana.

CKN, cuns 800 empregados, reabre hoxe con aproximadamente o dez por cento do cadro de persoal. "Acabamos de entrar no carril de aceleración", resume o voceiro de CCOO na empresa, José Domato, que explica que "evidentemente temos que empezar pouco a pouco e en función dos pedidos que vaian chegando e respectando o protocolo de seguridade elaborado polo equipo técnico de prevención e polos delegados sindicais de prevención".

Polo de agora hai dúas quendas para eses primeiros 80 traballadores das catro que tiña establecidas a empresa antes da declaración de estado de alarma. O resto do cadro de persoal continúa acollido ao expediente de regulación temporal de emprego. "Temos a sorte de poder contar con esa ferramenta proporcionada polo Goberno, por iso non é mala idea continuar co estado de alarma, porque dá cobertura a este tipo de ERTE por causa de forza maior que ten características moi diferentes a un ERTE normal", afirma.

Esta empresa non depende tanto de PSA porque a maior parte da súa clientela está formada por outras empresas europeas do sector. Aquí adiantáronse, segundo certifica Domato, á declaración do estado de alarma na adopción das medidas de seguridade propostas, como o distanciamento entre traballadores, a toma de temperatura ou o peche de vestiarios.

No caso desta empresa, "non hai ningunha notificación de traballadores contaxiados", e a pesar de que o sector está parado en canto a vendas, "estamos nunha folla de serra sempre, arriba e abaixo, pero miramos o futuro con esperanza".

Noticias web

04/05/2020