CRTVG

Buscar

A Mancomunidade da Mariña aperta para que Xunta e Goberno central acheguen solucións

Publicado o 29/05/2020 09:22

Os alcaldes da Mancomunidade da Mariña reúnense esta tarde para "configurar un marco de unión e consenso" co que facer presión xuntos tanto á Xunta como ao Goberno central na busca de medidas que eviten o peche parcial de Alcoa en San Cibrao. 

"De Alcoa comemos todos", insiste o presidente da Mancomunidade e alcalde de Foz, Francisco Cajoto, que asegura que de ir adiante o plan da empresa "o que nos quedaría é emigrar".

Cajoto apela á Xunta de Galicia -"o Estatuto de Autonomía confírelle competencias exclusivas no sector industrial"- para que "active axudas a través do Igape", e ao Goberno central, para que aprobe o estatuto electrointensivo e "teñamos un marco eléctrico estable que garanta a viabilidade da factoría".

Ademais, Cajoto pídelle á propia Alcoa "que demostre responsabilidade, porque a falta de mantemento da factoría ao longo dos anos levounos tamén a esta situación". "Non serven medidas curtopracistas", di, "parches como a interrompibilidade que non solucionaban o problema".

O presidente da Mancomunidade da Mariña lamenta que "desde que se privatizou Alcoa, con gobernos do PP, non se tivo estatuto electrointensivo".

Cajoto admite que "hai que ser realistas" pero no feito de que a empresa comunicara a apertura de conversas informais durante tres semanas antes de abordar oficialmente o proceso faille ver "unha pequena marxe" para evitar os despedimentos. "Hai que intentalo e traballar ata o final para que así sexa", di. 

Nese sentido, cre que a nacionalización de Alcoa "podería ser unha alternativa" que "habería que explorar". Ao seu entender, as administracións deben buscar solucións, "e se unha alternativa é entrar no accionariado da empresa de forma puntual e poñela a funcionar como ocorre noutros países habería que explorala". E conclúe: "O que non podemos é quedar quietos".

Noticias web

29/05/2020