CRTVG

Buscar

Traballadores de Alcoa volven ás protestas para que a empresa sexa intervida

Publicado o 02/06/2020 10:19

• "Estamos pedindo unha intervención temporal. Estase facendo en Francia, en Alemaña e noutros países europeos", din desde o comité de empresa

• Os traballadores das auxiliares din que no aluminio hai outros 500 postos de traballo directos dos que non fala Alcoa

Nova protesta ds traballadores de Alcoa e das súas auxiliares, que esta mañá volveron ás barricadas. Usaron pneumáticos ardendo para bloquear a estrada nacional en San Cibrao. Tamén pintaron lazos negros.

Volven as barricadas á contorna de Alcoa. Non hai tregua, milleiros de persoas sumáronse a esta nova protesta en contra do peche da planta de aluminio da factoría. A presión social aumenta nesta semana na que comezan as negociacións. "Estamos nun momento moi importante da negociación, esperamos que nos dean unha solución ao problema que xerou o Ministerio de Industria, agora mesmo só hai unha saída segundo o Goberno, foi o propio vicepresidente o que o dixo, unha intervención temporal que permite a Unión Europea, con fondos europeos, que nos saque desta", manifestou José Antonio Zan, presidente do Comité de Empresa.

A intervención será o primeiro tema que mañá se porá sobre a mesa na reunión telemática co Ministerio de Industria. O segundo, o estatuto para as industrias electrointensivas que non chega. Unha norma que lexisle o prezo enerxético e lles dea estabilidade a longo prazo.

Puntualizan que "non é que nos nacionalicen, estamos pedindo unha intervención temporal, que o permite a UE; estase facendo en Francia, en Alemaña e noutros países europeos". 

"Esperemos que lle dean solución ao problema que xeraron eles", engade Zan, para quen, ademais, o agardado estatuto do consumidor electrointensivo, cuxa aprobación garantiu a ministra de Industria para dentro de poucas semanas, non chegaría agora a tempo porque "a regulamentación tardará tres meses en ser efectiva". 

Zan non se pronuncia respecto da posibilidade de compra de Alcoa por parte do grupo Alibérico. "O que queremos é que se manteña o 100 % da produción e o 100 % dos postos de traballo e se poña un plan de viabilidade enriba da mesa para o futuro da factoría, da Mariña e de toda a provincia de Lugo", di o presidente do comité.

O PPdeG reclama solucións urxentes para Alcoa. Miguel Trellado asegura que o emprego industrial que non destruíu a crise sanitaria pode acabar destruíndoo a irresponsabilidade do Goberno central.

Noticias web

02/06/2020