CRTVG

Buscar

Condenan a Rodrigo Lanza por homicidio imprudente

Publicado o 15/11/2019 16:14

O xurado popular declarou culpable de homicidio imprudente e non asasinato a Rodrigo Lanza pola morte, no 2017, dun home que levaba uns tirantes coa bandeira española.

O veredicto, que non foi unánime, entende que Lanza si actuou por motivos ideolóxicos, pero que a súa intención non era matar a Víctor Laínez. Deste xeito, Lanza evita ser condenado a 25 anos de cadea, que era o que pedían a fiscalía e a familia da vítima que se mostrou decepcionada coa decisión do xurado popular. 

Os feitos remóntanse a decembro de 2017. Rodrigo Lanza era daquela un coñecido militante dos grupos de ocupación ilegal e antisistema de Zaragoza que cando chegou ao xuízo mudara completamente de imaxe.

Foi nun local nocturno, onde Lanza coincidiu con Victor Laínez, un home de 55 anos, e integrante dun grupo de moteiros que ese día levaba uns tirantes coa bandeira española. 

A liorta puido comezar cando Lanza lle chamou fascista e este respondeu chamándolle sudaca, pola orixe chilena do acusado. 

Lanza golpeou en varias ocasións a Laínez pero asegurou que o único que fixo foi defenderse.

A familia da vítima acusouno de mentir e negou que Victor fose armado.   

A acusación particular e a fiscalía acusaron a Lanza dun asasinato por odio, con aleivosía e asañamento e pediran para el 25 anos de cadea.

Lanza xa cumprira unha condena de cinco anos no 2006 despois de darlle unha pedrada a un policía local de Barcelona que quedou en estado vexetativo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

15/11/2019