CRTVG

Buscar

Doce anos de cadea por intentar matar a ex-parella a coiteladas en Santiago

Publicado o 07/10/2019 21:01

Os maxistrados da Audiencia Provincial da Coruña relatan na sentenza que o acusado e a vítima foron parella desde 2015 ata 2017. A muller rompeu a relación polos insultos, ameazas, menosprezo e mesmo agresións físicas que sufría e, uns días despois, o home intentou matala cando se atoparon en Santiago. O tribunal considera demostrado que o acusado lle cravou varias veces unha navalla, cando ela estaba dentro dun coche estacionado preto da catedral. Un policía de paisano conseguiu sacalo fóra. A muller contou no xuízo que o acusado a ameazara dicíndolle que prefería matala antes que vela con outro. 

"Díxome que prefire matarme antes de verme con outro".

"O día dos feitos foi brutal, houbo asañamento, máis de vinte coiteladas", dicía o avogado.

O acusado confesou que a acoitelou, pero negou que a maltratase.

"Durante a relación sentimental vostede nin a insultou nin a agrediu nin a humillou?". "Non, diso nada".

O Tribunal condenouno a 12 anos de cárcere por intentar matala, coas agravantes de parentesco e discriminación por xénero, e por outros delitos de malos tratos e ameazas. Ademais, impúxolle oito anos de liberdade vixiada e non poderá achegarse á vítima durante 20 anos. Tamén a terá que indemnizar con 120.000 euros polas secuelas que lle quedaron.