CRTVG

Buscar

Condénano a cinco anos de prisión por atropelar adrede o ex-cuñado en Boiro

Publicado o 19/12/2019 13:26

Un día despois do previsto, o acusado de atropelar adrede o seu ex-cuñado compareceu na sección da Audiencia Provincial con sede en Santiago. Álvaro Suárez chegou conducido por dous policías e en calidade de detido.

Expoñíase a nove anos de cárcere por uns feitos acontecidos en agosto de 2012, cando etropelou a propósito cun todo terreo o seu ex-cuñado nunha pista do lugar de Triñáns, en Boiro.

Esta mañá recoñeceu os feitos, o que facilitou que o seu avogado chegara a un acordo co fiscal e coa acusación particular. Condenárono a cinco anos de cárcere. Non poderá achegarse a menos de cincocentos metros do ex-cuñado e tampouco poderá volver a Boiro nun prazo de sete anos. Saíu do xulgado polo seu propio pé, á espera de que o manden ingresar en prisión. 

Evaristo Nogueira, avogado da acusación particular: "Pode tardar uns días, unha semana. O ingreso en prisión é inmediato porque a sentenza é firme desde agora. A orde de afastamento tamén é desde o día de hoxe e tampouco se pode aproximar ao concello (de Boiro)".

A responsabilidade civil dirimirase noutro preito posterior contra o procesado e a compañía aseguradora do coche. O fiscal reclamaba unha indemnización de case 90.000 euros para o atropelado. O avogado da acusación particular pedía 150.000.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/12/2019