CRTVG

Buscar

Condenan a 26 anos e medio de cárcere o home que matou a súa muller en Cabana

Publicado o 26/06/2020 17:26

A Audiencia Provincial da Coruña condenou a 26 anos e medio de cárcere e dez de liberdade vixiada o home que matou a súa muller, Ana Belén Varela, de tres disparos no seu domicilio familiar en Cabana de Bergantiños.

A sentenza da sección segunda da Audiencia Provincial, divulgada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), de acordo co veredicto do tribunal do xurado, considera a J. G. P. como autor dun delito de asasinato, coas agravantes de xénero e parentesco, e doutro de tenza ilícita de armas.

O tribunal impúxolle, ademais, a prohibición de comunicarse e achegarse a menos de 500 metros dos seus dous fillos, da nai e dos tres irmáns da vítima durante 27 anos.

O acusado foi condenado a 24 anos de prisión por asasinato con aleivosía e a dous anos e medio de cárcere máis por tenza ilícita de armas curtas introducidas ilegalmente en España.

As probas tidas en conta polo xurado, segundo a Audiencia, permiten "inferir de maneira clara e contundente" que o acusado disparou en tres ocasións á vítima "de maneira súbita e inesperada", polo que non puido defenderse. 

"O carácter sorpresivo da agresión é o que suprime a posibilidade de defensa, posto que quen non espera o ataque dificilmente pode prepararse contra el e reaccionar, na medida do posible", apunta a sentenza.

O tribunal do xurado tamén considerou por unanimidade como probado que o acusado maltrataba psicoloxicamente de maneira habitual a súa esposa e, en ocasións, fisicamente, así como que "a menosprezaba, exercendo un control sobre ela".

O 19 de agosto de 2018, tras unha discusión no domicilio onde convivían do municipio coruñés de Cabana de Bergantiños, e despois de que Ana Belén lle comunicara a súa intención de divorciarse, o home disparoulle tres veces por detrás cun revólver.  

A acusación particular e a Fiscalía, que elevou a súa petición de pena ao termo do xuízo, solicitaban 25 anos de prisión polo delito de asasinato. A maxistrada considerou que a condena que corresponde ao asasinato, coa concorrencia de dúas agravantes, debe fixarse entre 20 e 25 anos, atendendo á devandita regra, e a que carece de antecedentes penais.