CRTVG

Buscar

Condenado un pontevedrés por forzar a súa filla a comer e por chamarlle "gorda e porca"

Publicado o 18/10/2019 17:26
Condenado un pontevedrés por forzar a súa filla a comer e por chamarlle "gorda e porca"

 A Audiencia de Pontevedra confirmou a condena a un pai pontevedrés que "forzou" a súa filla a comer "grandes cantidades de comida", "máis alá do razoable", mentres lle gritaba e lle chamaba "gorda e porca". Así o establece o auto que confirma unha sentenza previa do Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra, que condena o pai a pagar unha multa de 150 euros por un delito leve de coaccións. Os feitos remóntanse ao mes de agosto de 2016, cando a menor se atopaba no domicilio do seu pai segundo o establecía o réxime de visitas vixente, en compañía do seu irmán, de once anos, e da avoa paterna.

Segundo recollen os feitos probados, a nena chegou á casa dicindo que comera na casa dunha amiga e non quería cear, momento no que o pai, "enfadado polos hábitos alimentarios da menor", decidiu "facerlle comer moita comida".  "Con esa intención, díxolle que ía comer ata que el dixese que parase e púxolle varios bocadillos, ensalada, orella e queixo", apunta a sentenza, que destaca que a intención era "obrigala a comer unha cantidade importante de comida".

A escena, ademais, desenvolveuse entre "berros" do pai, que "na tensión do momento", chegoulle a chamar "gorda e porca", explica o tribunal.  Tras unha hora nesa situación chegou a Policía, que fora alertada pola nai despois de que o irmán menor da vítima a avisara do que estaba a suceder. A nena foi trasladada ao hospital cun cadro de ansiedade.

Para rexeitar o recurso interposto polo pai, a Audiencia, entre outras cuestións, rexeita que os feitos se producisen "nun contexto educacional" e asegura que se trata dun "suposto de desproporcionalidade". "Estamos ante a imposición dunha conduta nunha situación hostil, con berros, e que é totalmente allea á conduta educativa e de corrección que ampara o artigo 154 do Código Civil", afirma o tribunal, que prosegue dicindo que "o feito de obrigar a un fillo a comer alén do razoable, até fartarse, claramente non é unha conduta xustificada nin xustificable".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí