CRTVG

Buscar

Condenado a 6 anos de cárcere un home do Carballiño por violar a muller que limpaba na súa casa

Publicado o 03/11/2020 18:59
Condenado a 6 anos de cárcere un home do Carballiño por violar a muller que limpaba na súa casa

A sección segunda da Audiencia Provincial de Ourense condenou a seis anos de cárcere un home acusado de violar unha muller que realizaba tarefas de limpeza na súa vivenda, situada no termo municipal do Carballiño.

Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o tribunal ourensán impúxolle ademais cinco anos de liberdade vixiada e a prohibición de comunicarse e aproximarse á vítima durante dez anos, así como o pago dunha indemnización de 12.000 euros, tras consideralo culpable dun delito de agresión sexual.

Os maxistrados consideran que o testemuño da denunciante é "coherente, sincero e verosímil", polo que constitúe "proba de cargo suficiente para estimar acreditada a existencia do delito".

Os feitos remóntanse ao mes de xuño de 2017 cando o home, con ánimo de satisfacer os seus desexos sexuais e tras chancear coa muller, empuxouna sobre a cama no momento en que esta se atopaba facéndoa e díxolle: "Teño ganas de sentir unha muller".

A sentenza recolle que o home, durante un breve forcexo, levantoulle a camiseta e tocoulle os peitos, e posteriormente empuxouna polo corredor ata o salón lanzándoa sobre o sofá, momento no cal a agrediu sexualmente para, a continuación, masturbarse e exacular diante dela.

Tras o ocorrido, asustada, a muller concluíu o seu traballo e abandonou o lugar de traballo.