CRTVG

Buscar

Condenada por desvalixar un piso de alugueiro que non pagaba

Publicado o 27/11/2020 14:07

Unha inquilina de Santiago deberá pagarlle ao seu caseiro polos danos causados no piso. Cando a botou por non pagar o alugueiro, levou ata as fechaduras. A Audiencia Provincial da Coruña condénaa a indemnizar o propietario con 1.200 euros.

Non é frecuente, pero tampouco un caso illado. Aquí xa lles temos dado conta doutros propietarios que denunciaron desfeitas por parte dos inquilinos, en vivendas particulares...: "Arrincaron estantes...", e e en locais comerciais: "Isto parece que pasou un tornado por dentro...".

No caso que acaba de resolver a sección compostelá da Audiencia Provincial da Coruña, a inquilina denunciada deberá pagarlles 1.205 euros aos propietarios, a suma dos mobles que levou e dos danos que causou, segundo os peritos xudiciais. Levou camas, colchóns, radiadores e ata as fechaduras das portas.

"É un roubo á man armada. Rouban, marchan e ti quedas mirando para eles". "Paréceme que moi mala relación tiñan que ter porque ninguén ten necesidade de levar a fechadura, non?". "Eu vin unha chea de pisos desfeitos, e axudei a arranxalos. E para botalos fóra, tivo que gastar unha pasta", comentan varios veciños.

Desde o sector inmobiliario destacan que son casos illados, residuais, pero recomendan aos propietarios tomar precaucións cos alugueiros.

Ángel Pais, xerente dunha inmobiliaria de Santiago: "Sempre con contrato, rexido pola Lei de arrendamentos urbanos, depositar a fianza no Instituto Galego de Vivenda e Solo e, a partir de aí, os seguros asumen o risco".

María está tamén pendente de sentenza. Xa gañou un xuízo por agresión, tamén contra os seus inquilinos, e agora reclama polos danos causados. Tivo a vista no Penal de Ourense, pero o xuíz aínda non se pronunciou.

Noticias web

27/11/2020