CRTVG

Buscar

Condena a nove anos de cárcere o acusado de matar a muller coa que vivía en Boiro

Publicado o 20/12/2019 17:18
Condena a nove anos de cárcere o acusado de matar a muller coa que vivía en Boiro

Condenan a 9 anos de cárcere un home acusado de matar unha muller na súa vivenda de Boiro. O crime ocorreu na madrugada do 31 de xullo de 2017. A sentenza dá por probado que ese día Samuel Vidal e Carme Dieste discutiron e que el colleu un coitelo e cravoullo. Ao home condénano por un delito de homicidio. A sentenza considera probado o ánimo de matar, pola gran cantidade de coiteladas e porque todas se dirixían a unha zona vital.

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, condenou, de acordo co veredicto do Tribunal do Xurado, a nove anos de cárcere un home que matou unha muller na súa vivenda de Boiro. O sospeitoso foi declarado culpable dun delito de homicidio, coa concorrencia da eximente incompleta de embriaguez, pois o xurado popular considerou que cando agrediu a vítima "tiña profundamente afectada, pero non anulada, a súa capacidade de saber o que estaba a facer ou de controlar os seus impulsos porque consumira gran cantidade de bebidas alcohólicas, así como cocaína".

O sospeitoso e a vítima, segundo a sentenza, iniciaron unha discusión na cociña da vivenda da muller durante a madrugada do 31 de xullo de 2017. No transcurso da disputa, o acusado colleu un coitelo, ante o cal a vítima fuxiu cara á planta superior da casa. O home, con todo, alcanzouna e cravoulle a arma branca en repetidas ocasións e en diversas zonas do corpo, o que lle causou a morte.

O acusado, segundo o xurado popular, "sabía que unha agresión desa clase xeraba un grave risco de causarlle a morte e, a pesar diso, fíxoo e non desistiu da agresión". O Tribunal do Xurado considerou determinantes "a localización, intensidade e repetición dos golpes asestados co coitelo, medio idóneo para causar a morte". O maxistrado presidente sinala na sentenza que se considerou probado "o ánimo de matar", pois o condenado dirixiu o ataque cara á unha zona vital do corpo e, ademais, a gran cantidade de puñaladas "puxeron de manifesto a persistencia no ataque".

Noticias web

20/12/2019

Máis sobre Boiro